Recuperación

O Concello de Ribadavia arranxará o edificio do antiguo matadoiro

Situado a carón do Convento de San Francisco é un edificación dunha entidade importante que se atopa en moi mal estado, sendo moi visible desde o Casco Histórico.

Óscar Gómez

Ourense | 22.03.2023 09:07

O Concello de Ribadavia arranxará o edificio do antiguo matadoiro
O Concello de Ribadavia arranxará o edificio do antiguo matadoiro | onda cero

O Concello de Ribadavia logrou o apoio da Xunta de Galicia destinada a concellos para a mellora e corrección de impacto paisaxístico convocadas polo Instituto de Estudos do Territorio. Este proxecto arquitectónico xa fora presentado o ano pasado na Deputación, sen atopar resposta positiva por parte desta administración para rehabilitar este edificio histórico.

Agora, desde o Concello logran que este proxecto que ascende a máis de 30 mil euros sexa subvencionado pola Xunta de Galicia. A intención da rehabilitación do antigo matadeiro é mellorar a imaxe dun edificio situado nun lugar emblemático, e ao mesmo tempo dotar ao concello dunha nova sala de usos múltiples para os veciños e as asociacións do municipio. O proxecto inclúe a realización dunha nova cuberta, a limpeza e reparación da fachada, e restauración da carpintaría exterior.

Desde o Concello, o Portavoz e responsable do casco histórico, Brais Fidalgo, quere agradecerlle á Xunta o seu apoio para este investimento moi necesario e xusto, e un paso importante para comezar a revalorizar toda a zona da marxe esquerda do río Avia ao seu paso polo centro histórico de Ribadavia.

Ademais desta mellora, na zona do barrio de San Francisco estase actualmente realizando a mellora da ponte de ferro, de estilo Eiffel, que atravesa o río Avia e a zona monumental de Ribadavia, polo que a recuperación do edificio do antigo Matadeiro viría a completar o comezo da recuperación desta zona de Ribadavia.

Así mesmo, desde o Concello tramitouse unha nova axuda, presentando o Proxecto de mellora da estación de bombeo situado fronte ao antigo matadoiro, polo que neste ano 2023 podemos estar a falar dunha mellora de toda este zona do río Avia e o casco histórico.