Ourense Cidade

O Concello reúne un cento de traxes e personaxes de 44 entroidos de Ourense

"Tratase da maior exposición que se fixo nunca sobre o Entroido en Galicia”, afirmou o alcalde na inauguración da mostra. Poderase ver no centro expositivo da rúa do Paseo en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas de martes a sábado; os domingos de 11.00 a 14.00 horas.

Óscar Gómez

Ourense | 18.03.2021 08:10

O Concello reúne un cento de traxes e personaxes de 44 entroidos de Ourense
O Concello reúne un cento de traxes e personaxes de 44 entroidos de Ourense | onda cero

A sala Valente acolle a mostra 'Os nosos Entroidos: exposición de traxes tradicionais e de personaxes', que abre ao público durante os meses de marzo e abril. Prevista para o mes de febreiro -as restricións pola Covid impediron facer coincidir a exposición coas datas de Entroido-, está formada por 110 pezas de 44 entroidos distintivos da provincia. “É a maior festa que temos en Ourense, e Ourense, cidade e provincia, é unha potencia do Entroido”, asegurou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante a inauguración da mostra.

Trátase da maior exposición que se fixo nunca sobre o Entroido en Galicia”, dixo perante integrantes da corporación municipal e outros persoeiros como Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia, e os vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e César Fernández.

Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia, en palabras de Francisco González, director da exposición.

Non faltan nesta mostra a Pita das Eiroás, a Paquita e o Nicanor de Seixalbo ou o Frei Canedo, figuras senlleiras dos entroidos da cidade. Pero tamén se poderán coñecer, grazas a o traballo de recuperación de tradicións esquecidas na cidade de Ourense, outras figuras tradicionais desta festa coma os domingos de cacharelas -o equivalente na cidade do domingo oleiro- ou as tradicionais líricas, pezas satíricas propias do Entroido ourensán semellantes ás que coñecemos doutras latitudes, coma as chirigotas gaditanas.

O horario de apertura da sala Valente (rúa do Paseo 20, planta baixa) é o seguinte: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas; os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Os luns o espazo permanece pechado.