O Concello de Ourense reforzará a dotación de recursos humanos para potenciar a atención ao público presencial nas oficinas de Rexistro e Estatística. Así o anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no marco dunha reestruturación de persoal que derivará a estes servizos, cunha alta carga de traballo diaria de atención ao público, a persoal que actualmente está asignado a outros departamentos municipais con menor carga de traballo.
O alcalde de Ourense explica que con estes cambios, o goberno municipal pretende seguir avanzando na mellora da atención ao público no Concello. A este respecto, lembra que “a primeira medida que implementamos foi habilitar unha oficina para Rexistro e Estatística na Praza Maior, na rúa da Barreira, número 2, onde se está atendendo o público cunha mellor disposición, pero notamos que fai falla máis persoal nas horas punta”. Para subsanar esta necesidade, adianta que “incrementaremos en torno a un 60% o persoal, movendo a persoal do Concello que estaba noutros departamentos cunha carga de traballo moi inferior”. Trátase, en definitiva, de “reequilibrar” a asignación de recursos humanos no Concello, de forma que “onde fai falla máis traballo, haberá máis persoal”.
O goberno municipal traballa tamén na próxima implantación da cita previa para as oficinas de Padrón, nas que se tramitan as altas e se expiden certificados de empadroamento. Na oficina de Rexistro Xeral manterase o sistema actual.