Concello de ourense

O Concello de ourense reforza a seguridade da cidade con máis presencia policial

Telmo Ucha valora moi positivamente o nivel de seguridade de Ourense, un dos maiores de toda España en cidades do seu rango de poboación

Óscar Gómez

Ourense | 06.04.2022 09:45

A Policía Local realizou 3 dispositivos especiais esta fin de semana
A Policía Local realizou 3 dispositivos especiais esta fin de semana | La Region

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, asistiu esta mañá á reunión da Xunta Local de Seguridade de Ourense, na Subdelegación do Goberno en Ourense, na que se abordaron diferentes asuntos relacionados coa seguridade na cidade.

O concelleiro aposta por reforzar a presenza policial nas rúas durante as noites das fins de semana, e intensificar a colaboración coa Policía Nacional, “facendo da prevención a nosa máxima”. Así, Telmo Ucha informou da dispoñibilidade do Concello para incrementar “desde xa” nunha patrulla os xoves e en dúas os venres e os sábados pola noite “para garantir o dereito ao lecer e tamén o descanso da veciñanza”.

O Concello avoga por incrementar a presenza de axentes nas rúas, mais sempre “tratando de implicar á Policía Nacional, porque é máis efectiva unha combinación de 10 policías locais e 10 nacionais ca 20 do mesmo corpo. Queremos estreitar a colaboración coa Policía Nacional, contar coas súas recomendacións pero tamén coa súa implicación en materia de recursos humanos: é imprescindible”, conclúe Telmo Ucha.

Neste senso, avanza o edil que comezará desenvolverse “un calendario de reunións para reforzar a colaboración e ver como reflexala na rúa”. O concelleiro destacou tamén que o Concello traballa na instalación de cámaras de videovixilancia en vía pública “que está axudando moitísimo a identificar os causantes de destrozos e delictos”, tanto no centro histórico como nas zonas empresariais do Vinteún e Seixalbo. Tamén destacou Ucha que os xuízos rápidos son unha ferramenta moi boa para a seguridade na cidade, “que convén fomentar”.

Ourense, unha das cidades máis seguras de España

O concelleiro valora moi positivamente o nivel de seguridade na cidade e asegura que “non apreciamos un incremento importante da delincuencia. Temos moi claro que non é así. Ourense, é segundo Unespa, a cuarta cidade máis segura de España no rango de 100.000 a 300.000 habitantes, e iso é moi importante”. Porén, di, “todo o mundo leva no peto unha cámara hoxe en día para captar imaxes e é moi triste que eu mesmo reciba no meu móbil 2 ou 3 whatsapps de peleas no momento en que se están producindo, sen que haxa unha chamada á Policía Local ou Nacional para avisar delas. Hai xente que non se decata que non ten sentido facer un vídeo para YouTube antes que protexer a vida dun ser humano, e mais cando a maioría das liortas se procucen as noites desde os xoves aos sábados, cando hai unha ampla presenza de efectivos de policías locais e nacionais nas rúas”.

Telmo Ucha advertiu tamén que “nos preocupa controlar as filtracións que chegan á prensa directamente desde policías locais e nacionais, e desde o Concello imos establecer todos aqueles mecanismos que sexan necesarios para evitar que así sexa”.