A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá as bases e a convocatoria do concurso que premiará os mellores maios e coplas da próxima edición da Festa dos Maios de Ourense, que se celebrará o primeiro domingo, día 1, de maio. O Concello convida a asociacións, colexios e outras entidades e colectivos para que se inscriban, antes do día 26 de abril, no certame, que repartirá 15.000 euros en premios e axudas á participación.
Na mesma sesión, a xunta local aprobou a convocatoria para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais do Concello de Ourense correspondentes ao exercicio 2022, ás que destinará 325.100,00 euros.