Ourense Cidade

O Concello de Ourense aumenta notablemente o censo no último ano que ascende a 105.703 persoas

O alcalde destaca a tendencia á alza, que atribúe ao fin da pandemia e ao dinamismo da cidade.

Óscar Gómez

Ourense | 07.03.2023 13:42

O Concello de Ourense aumenta notablemente o censo no último ano que ascende a 105.703 persoas
O Concello de Ourense aumenta notablemente o censo no último ano que ascende a 105.703 persoas | onda cero

O Concello de Ourense aumenta notablemente o censo no último ano, alcanzando as 105.703 persoas rexistradas nas oficinas municipais o 31 de xaneiro de 2023, día no que se pecha o censo electoral para as próximas municipais. A cifra é notablemente superior, en arredor de mil persoas, á que se lle remitiu en 2022 desde o Concello ao Instituto Nacional de Estatística, organismo que fará público o novo censo nuns meses, unha vez que depure e cruce datos cos doutros concellos (rexistros repetidos etc.).

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome valora positivamente estes datos e aprecia que: “este pico de 105.703 persoas nas oficinas municipais amosa, por unha banda o fin da pandemia, que acelerou os mínimos históricos polo paro, falecementos e censos no rural en 2021-22 e, doutra banda, ao dinamismo que empezou a adquirir Ourense por obras, atractivos e visibilidade da cidade”.

“Cambiou a tendencia e xa está á alza”, conclúe Pérez Jácome, quen lamenta que, “aínda que o dato é moi bo para só un ano, o censo oficial sería aínda bastante superior na cidade de Ourense, se en xullo de 2021, tanto PSOE como BNG en colaboración cos tránsfugas, non votasen en contra da rebaixa do 40% do imposto de vehículos”.

Así, concreta o rexedor que “segundo varios coñecedores de estatísticas no Concello de Ourense, en torno a 5.000 persoas poderían estar censadas en concellos distintos da provincia polo aforro no imposto de vehículos (algo doutra banda ilegal xa que é obrigatorio censarse onde se reside)”.