O Concello de Ourense iniciará o luns, día 24 de xaneiro, as obras de renovación da rúa Ribeira de Canedo, que se estende desde a Ponte Vella até a Ponte Nova, no barrio da Ponte. Os traballos consistirán principalmente na renovación da rede de saneamento e a substitución do firme da calzada. O proxecto ten un orzamento de licitación de 268.450,12 euros, e a duración prevista para a execución das obras é 4 meses.
Durante a realización dos traballos, a rúa pecharase ao tráfico rodado xeral, e só se permitirá acceder a ela a residentes e vehículos que presten servizos públicos e de emerxencias. O tráfico da rúa será de dobre sentido de circulación, para o que será necesario anular as prazas de estacionamento e cambiar o emprazamento dos colectores de lixo.
O Concello de Ourense prega a residentes e condutores que desculpen as molestias que lles poida ocasionar a execución destes traballos, e recomenda a utilización de itinerarios alternativos, a través das rúas Mercado e Vicente Risco.