Ourense Cidade

O Concello inicia as obras dunha nova rampla mecánica en San Francisco

O Concello de Ourense iniciará o luns, día 8 de xaneiro, a execución das obras do proxecto de humanización e mobilidade vertical na contorna da Praza das Mercedes e a rúa Arturo Pérez Serantes.

Óscar Gómez

Ourense | 08.01.2024 08:04

O Concello inicia as obras dunha nova rampla mecánica en San Francisco
O Concello inicia as obras dunha nova rampla mecánica en San Francisco | onda cero

A súa realización requirirá levar a cabo modificacións na regulación do tráfico e no acceso a garaxes na zona de actuación:

· Corte de tráfico rodado da rúa Arturo Pérez Serantes, desde a Avenida de Bos Aires, deixando acceso aos garaxes por parte das persoas residentes, a través da rúa San Francisco.

· No treito da Avenida de Bos Aires que vai desde Pérez Serantes até a intersección con Xoán de Nóvoa e Celso Emilio Ferreiro, habilitarase un carril en sentido contrario ao habitual para que poidan circular os vehículos de obra

· Eliminaranse prazas de aparcamento na rúa San Francisco (desde a rúa da Amargura ata a rúa Emilia Pardo Bazán), coa finalidade de facilitar o dobre sentido de circulación para o acceso aos garaxes da zona de actuación.

As obras teñen un orzamento de 1.683.570 euros e unha duración prevista en 10 meses. Forman parte do proxecto de mellora da mobilidade urbana Move Ourense 1, que desenvolve o Concello co apoio do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible

A intervención ten dous obxectivos principais: por unha banda, mellorar o acceso e a conexión entre dúas zonas principais da cidade como son o centro histórico e o complexo cultural de San Francisco, de xeito que o percorrido entre ambas sexa máis cómodo, directo e reúna mellores condicións de mobilidade. Doutra banda, preténdese recuperar o maior espazo público posible para a cidadanía, en conexión co centro histórico.

O proxecto prevé a redistribución do tráfico e circulacións do ámbito, facendo que sexa máis limitada, a instalación de elementos de mobilidade vertical (2 escaleiras mecánicas e unha rampla mecánica) e a humanización e recuperación para o peón de espazos urbanos residuais.