O Concello de Ourense fixa nun 52,8% os servizos mínimos da folga do servizo de autobuses urbanos. O concelleiro de Mobilidade e Transportes, Armando Ojea, asinou o decreto no que se fixan estes servizos, de conformidade ao disposto pola Lei 7/1985, de 2 de abril que establece que o transporte colectivo urbano de viaxeiros constitúe un servizo mínimo obrigatorio nos municipios de máis de 50.000 habitantes, como é o caso de Ourense, e a xurisprudencia do Tribunal Constitucional, que recoñece o seu carácter de servizo esencial, para garantir a mobilidade das persoas e o acceso a servizos públicos esenciais (como os sanitarios ou educativos) así como o exercicio do dereito ao traballo ou á libre circulación.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestou esta mañá que “lamento comunicar que este martes está convocada unha folga do autobús urbano. Esperemos que a empresa concesionaria, por un lado, e os traballadores polo outro, todos do sector privado, cheguen pronto a un acordo. Estaremos pendentes cada día, prestos a mediar e a buscar solucións, como xa fixemos ao solucionar o problema de recollida lixo en decembro de 2021”.
O decreto establece os servizos mínimos e esenciais do servizo de transporte colectivo urbano durante a folga indefinida que se iniciará a partir das 00:00 horas do día 3 de maio de 2022 nos seguintes termos:
a) Durante a folga, prestarase servizo por 1 vehículo en cada unha das seguintes liñas: 1, 2, 3, 5, 7, 9, 10, 12, 14, 15, C17, 18, 19, 22, 26, 6B, 11A, 11B e 13B ( 52,8 % dos servizos diarios).
b) Débese garantir o ultimo e primeiro horario de cada servizo.
c) Os traxectos dos servizos mínimos deben realizarse de forma completa.
d) Para o resto de persoal da empresa concesionaria, establécense uns servizos mínimos do 50%.