Concello de ourense

O Concello complementará o servizo de autobuses cun sistema de transporte baixo demanda

“Melloraremos a atención aos veciños adaptándonos ás súas necesidades”, asegura o alcalde, que subliña que este modelo permitirá gañar en flexibilidade e aforrará custos.

Óscar Gómez

Ourense | 20.01.2022 08:39

O Psoe urxe ao concello que "limete o aforo" no servizo de autobuses urbanos
O Psoe urxe ao concello que "limete o aforo" no servizo de autobuses urbanos | La Region

O Concello de Ourense mellorará a atención á veciñanza do perímetro rural coa nova concesión do servizo de autobuses urbanos. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, avanzou que o próximo contrato para a xestión do transporte de viaxeiros na cidade incluirá como novidade un servizo baixo demanda que atenderá as necesidades de transporte de veciños e veciñas do perímetro rural, coa finalidade de acadar un nivel maior de eficacia e flexibilidade, ao tempo que aforrar custos.

O alcalde enmarca esta novidade no proceso que promove o Concello para a potenciación do servizo de transporte urbano. Así, por unha banda, o Concello de Ourense ten en marcha o concurso para adquirir 40 novos autobuses coa finalidade de renovar a flota do servizo municipal. O concurso está en fase de presentación de ofertas, que rematará o día 1 de febreiro.

Por outra banda, o Concello ultima a licitación do contrato para adxudicar a xestión do servizo municipal, no que incluirá un novo modelo de rutas e frecuencias deseñado polo Concello para acadar unha maior eficacia e eficiencia na mobilidade na cidade. Neste marco, o Concello incorporará un servizo de transporte no perímetro rural que funcionará baixo demanda das propias persoas usuarias.

O alcalde de Ourense explica que co novo contrato de xestión do servizo de transportes “queremos facer unha innovación cos cidadáns que viven no rural, na periferia do municipio, adaptarnos a eles e ter unha maior flexibilidade”. Así, detalla, en certos puntos, “en vez de enviar autobuses vacíos constantemente en horas fixas, ás que os cidadáns se teñen que adaptar, o complementaremos cun sistema de vehículos con condutor, presumiblemente taxistas, baixo demanda”. Un sistema, explica, “co que realmente nos adaptariamos aos usuarios que viven na periferia” e que permitiría acadar “moitísima maior flexibilidade e moitísimo maior aforro en custos, xa que só se cobraría cando se fixese o percorrido”. O alcalde xa mantivo contactos cos taxistas de Ourense para explicarlles esta iniciativa, e confía en que concorrerán á licitación.