Concello de Ourense

O Concello e Avanza celebran a Semana da Mobilidade cunha xornada de transporte público gratuíto

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome anima a cidadanía a participar nesta iniciativa e a utilizar o transporte público, “O que buscamos é fomentar o seu uso e coñecemento".

Óscar Gómez

Ourense | 19.09.2023 07:52

O Concello e Avanza celebran a Semana da Mobilidade cunha xornada de transporte público gratuíto
O Concello e Avanza celebran a Semana da Mobilidade cunha xornada de transporte público gratuíto | concello de ourense

O Concello de Ourense en colaboración con Avanza, compañía operadora do servizo de transporte público de Ourense, súmanse este ano á Semana Europea da Mobilidade co obxectivo de fomentar e poñer en valor o uso do transporte público entre a cidadanía ourensá. Pasado mañá, mércores 20 de setembro de 2023, todas as persoas que o desexen poderán viaxar de balde en calquera das liñas que forman a rede regular do transporte urbano de Ourense (todas agás o Tren Turístico das Termas).

Con esta iniciativa búscase incentivar o uso do transporte público que supón numerosas vantaxes para o medio ambiente, como a mellora da calidade do aire debido á redución das emisións dos gases efecto invernadoiro e contaminantes. Ademais, un autobús é capaz de transportar un maior número de persoas, mellorando así a fluidez do tráfico na cidade.

O Concello e Avanza celebran a Semana da Mobilidade cunha xornada de transporte público gratuíto o mércores, 20
O Concello e Avanza celebran a Semana da Mobilidade cunha xornada de transporte público gratuíto o mércores, 20 | Concello de Ourense

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome anima a cidadanía a participar nesta iniciativa e a utilizar o transporte público. “O que buscamos –explica- é fomentar o seu uso e coñecemento, pois moita xente ignora o grande servizo que é. Ademais, podería ser sedutor para abandonar o uso dos coches individuais”, asegura. O alcalde avanza que esta xornada do día 20 “é tamén un anticipo do que faremos nuns cantos meses, cando as liñas de autobús pasen a ser gratuítas, que serán as primeiras de España”.