O Concello de Ourense porá en marcha un “plan de feitos” para mellorar a mobilidade na cidade. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ao fío da celebración da Semana de Europea da Mobilidade, que se desenvolve do día 16 ao 22 de setembro. O plan que desenvolverá o Concello apoiase en 3 eixos: reordenación das liñas de autobuses, implantación de escaleiras mecánicas para favorecer a mobilidade vertical e posta en marcha dun servizo de bicicletas eléctricas para favorecer esta modalidade de transporte sostible. Tres medidas coas que “todo son vantaxes e gañamos en saúde”, asegura Pérez Jácome.
O goberno municipal decidiu non organizar este ano “os típicos actos simbólicos” de adhesión á celebración de semana de mobilidade “porque non deixan de ser brindes ao sol. Nos últimos anos en Ourense facíanse actos durante esta semana e ao final a mobilidade seguía igual todo o ano”, di o rexedor.
“Nós somos disruptivos e poñemos en marcha un plan de feitos”, asegura Pérez Jácome, que explica que o plan seguirá 3 puntos principais:
Reordenación “revolucionaria” das liñas de autobuses urbanos, xerando un eixe de norte a sur, pasando polo centro da cidade que, explica, permitirá que os usuarios dispoñan de frecuencias cada 5 minutos.
Implantar escaleiras mecánicas, a modo de corredores verticais, “que axudarán moitísimo a favorecer a mobilidade” nunha cidade marcada pola súa orografía
Bicicletas eléctricas, coa próxima licitación da posta en marcha dun servizo municipal que estará dotado de “varios centos” de unidades para fomentar esta modalidade de transporte urbano sostible.
Este conxunto de medidas proporcionará, ao xuízo do alcalde, múltiples vantaxes para a cidadanía e para o medio ambiente, como reducir o uso de coche para o desprazamentos urbanos, os custos económicos que lles supón o transporte privado aos cidadáns, reducir as emisións de CO2 e o problema do aparcamento na cidade. “Realmente son todo vantaxes e ademais gañamos en saúde”, asegura Pérez Jácome.