Ourense Cidade

O Concello adxudica as obras de demolición do antigo matadoiro municipal

O alcalde Gonzalo Jácome cualifica de “tremendamente relevante” a eliminación dun “mamotreto” e prepara os terreos para o futuro equipamento termal.

Óscar Gómez

Ourense | 04.05.2023 11:55

O Concello adxudica as obras de demolición do antigo matadoiro municipal
O Concello adxudica as obras de demolición do antigo matadoiro municipal | Faro de Vigo

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense adxudicou as obras de demolición do antigo matadoiro municipal para construír o futuro parque acuático termal da cidade. Na mesma sesión, adxudicou tamén as obras de mellora da mobilidade, coa instalación dun ascensor inclinado que salvará a forte pendente existente na rúa Rosalía de Castro, no barrio da Ponte. Son dúas obras “tremendamente relevantes”, asegurou ao remate da sesión o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. No primeiro caso, a demolición do antigo matadoiro, unha instalación que está en “total desuso” e constitúe un “auténtico mamotreto” e exemplo de “feísmo urbanístico”. Con esta actuación “derrubarase e quedará o terreo preparado para o futuro parque acuático termal”.

No caso do proxecto de mobilidade vertical no barrio da Ponte, explicou o rexedor que será “o primeiro ascensor inclinado da cidade de Ourense, e comunicará a pasarela que cruza o río Miño até a rúa Vicente Risco, unha das arterias do barrio da Ponte”. A instalación deste elemento “será unha grande axuda para a calidade de vida da veciñanza do barrio porque salvará ese desnivel que se produce”, de xeito similar ao que proporcionarán as ramplas que proximamente comezarán a funcionar na rúa da Concordia.

As obras de demolición do antigo matadoiro municipal serán executadas pola empresa Oreco Balgon SA, que presentou a oferta coa mellor relación calidade-prezo, por un total de 869.183,76 euros (IVE engadido). entre as melloras ofertadas, reduce de 6 a 4 meses o prazo de execución.

O proxecto de mellora da accesibilidade e mobilidade na rúa Rosalía de Castro será executado pola UTE Coviastec SL – Contratas Vilor SL, que presentou a oferta coa mellor relación calidade-prezo, por 1.804.594 euros, o que representa un 4,39% de baixa con respecto ao prezo de licitación. A unión destas empresas ofrece tamén diferentes melloras relativas ao control de calidade externo; prazo de garantía das obras e do sistema de elevación.