Ourense Cidade

O Concello acorda cos sindicatos a modificación da Ordenanza Municipal de Teletraballo

Deixará sen vixencia todas autorizacións para traballar fóra das dependencias municipais, excepto aquelas que sexan aprobadas polo goberno local.

Óscar Gómez

Ourense | 19.07.2023 07:55

O Concello acorda cos sindicatos a modificación da Ordenanza Municipal de Teletraballo
O Concello acorda cos sindicatos a modificación da Ordenanza Municipal de Teletraballo | Elina Fairytale/Pexels

A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Ourense, reunida no salón de plenos e presidida polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, acordou aprobar -cos votos da maioría dos sindicatos con representación- a modificación da Ordenanza Municipal de Teletraballo.

O cambio máis salientable introducido logo da reunión é que os traballos susceptibles de seren prestados lonxe das dependencias municipais propias serán incluídos na nova relación de postos de traballo (RPT), e mentres iso non se produza será a Xunta de Goberno Local a que teña que autorizalos. Coa entrada en vigor da ordenanza quedarán sen vixencia todas as autorizacións de teletraballo concedidas até o momento -agás as que se determinen na RPT-.

Despois de ser aprobada pola Mesa de Negociación, a modificación da Ordenanza deberá ser ratificada pola Xunta de Goberno, aprobada inicialmente polo Pleno e exposta publicamente. Logo do período de alegacións, será o Pleno quen ditamine a súa aprobación definitiva. A partir de aí, a publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) determinará a súa entrada en vigor.

A modificación Ordenanza de Teletraballo foi aprobado cos votos favorables de CSIF, UGT e GIG; en contra votou CCOO, e o SPPME abstívose.