A Concellería de Educación do Concello de Ourense iniciou a actividade “Os nosos versos”, coa que lle achega a poesía ao alumnado de 4º curso de Educación Primaria dos centros educativos da cidade. O concelleiro Armando Ojea asistiu á primeira das sesións, que tivo lugar no CEIP As Mercedes. Dende hoxe até o 18 de marzo, participarán nesta actividade 268 alumnas e alumnos e 8 docentes de 8 colexios.
“Os nosos versos” consiste na realización de obradoiros dunha hora de duración, na que o alumnado traballa sobre a obra de distintos poetas da Xeración Nós e a de Xela Arias, a quen está dirixido este ano o Día das Letras Galegas.
Os obxectivos desta actividade son que nenos e nenas recoñezan a importancia da nosa lingua, e a calidade dos seus e das súas poetas, así como potenciar o coñecemento da nosa cultura a través dun lecer baseado no contacto entre iguais, fomentar a lectura da poesía entre a rapazada desde idades temperás, e contribuir a que o alumnado perda o medo a recitar en público e aprenda a desenvolver a súa imaxinación. O ciclo forma parte do programa de Animación á Lectura, con motivo do día Internacional da Poesía, que se celebrará o día 21 demarzo