Discapacidade

COGAMI lanza unha campaña de sensibilización

Esta campaña, que se difundirá a través dos medios de comunicación e redes sociais, pretende visibilizar realidades cotiás que vive o grupo social das persoas con discapacidade.

Óscar Gómez

Ourense | 24.01.2023 08:45

COGAMI lanza unha campaña de sensibilización
COGAMI lanza unha campaña de sensibilización | onda cero

Dende COGAMI queren dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que tiveron, teñen e terán de non darse o cambio social que necesitan as persoas con discapacidade. Queren facer unha chamada á acción durante este ano 2023 para visibilizar un grupo social que en Galicia está constituído por 243.323 persoas, segundo datos xerais do censo de persoas con discapacidade facilitados pola Xunta de Galicia, o que supón o 9% do total da poboación. “Pese a ser un número moi importante de persoas con moito que aportar, son un grupo social que, pola súa vulnerabilidade, vivimos en risco de exclusión social”, apunta Anxo Queiruga, presidente de COGAMI.

Esta chamada vai ir acompañada dunha reivindicación mensual que lanzaran a todos os medios de comunicación do país e tamén a través das redes sociais de COGAMI e do seu movemento asociativo, actualmente formado por 56 entidades membro representantes da discapacidade física e orgánica.

“Aínda que a situación mellorou coa aprobación de leis que amparan os nosos dereitos, certo é que aínda queda camiño por percorrer para poder ser consideradas e tratadas socialmente en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”, subliña Anxo Queiruga, quen engade “por iso é necesaria lanzar esta campaña de sensibilización e denuncia, para que se visibilicen situacións que nos marxinan e nos impiden desenvolvernos en igualdade”.

O obxectivo final da campaña é sensibilizar á cidadanía sobre a discapacidade, para que a traten con normalidade, como unha condición máis da persoa, ademais de reivindicar que os poderes políticos tomen conciencia de que moitas mulleres, homes, nenas e nenos coas súas familias, viven unha vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. Polo tanto, o poder político, debe implicarse en mudar esta realidade para poder construír unha sociedade inclusiva. “Unha sociedade xusta e inclusiva é aquela que conta con todas as persoas, con accións e políticas dirixidas ás persoas con discapacidade cun enfoque transversal e cunha metodoloxía de atención integral centrada nas persoas e nos seus proxectos de vida”, expresa Queiruga.