Cultura

O Certame Internacional de Cine OUFF Escola premia os mellores traballos escolares

O Auditorio municipal de Ourense acolleu a Gala de entrega de premios aos colexios gañadores do Certame Internacional de Cine Escola- OUFF Escola 2023.

Óscar Gómez

Ourense | 08.11.2023 18:17

O Certame Internacional de Cine OUFF Escola premia os mellores traballos escolares
O Certame Internacional de Cine OUFF Escola premia os mellores traballos escolares | onda cero

Este é un proxecto que desenvolve o Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que contou nesta edición, número 14, coa participación de máis de 2.000 escolares de centros educativos de toda Galicia, que presentaron un total de 82 películas. A concelleira de Educación, Tamara Silva, participou na entrega de premios, xunto aos membros do xurado, e agradeceulles aos colexios a súa presenza no acto a a realización dos seus traballos audiovisuais.

OUFF Escola premia os 3 mellores traballos e o mellor guión, en dúas categorías: Infantil e Primaria, e Outros niveis de ensino non universitario. Estes foron os premiados:

En Infantil e Primaria:

1º Premio: A nena, do CEIP Manuel Villar Paramá (A Estrada, Pontevedra)

2ª Premio: O ceo aberto, do CEIP Otero Nova (Cortegada, Ourense)

3ª Premio: O cascabel da gata, do CEIP Feliciano Barrera, (Ponteareas, Pontevedra)

Premio ao mellor guión: O ceo aberto, do CEIP Otero Novas (Cortegada, Ourense)

Noutros niveis de ensino non universitario

1º Premio: Moléculas, do colexio María Assumpta (Noia, A Coruña)

2ª Premio: Quen son, do IES Valadares (Vigo, Pontevedra)

3ª Premio: O curro, do IES Campo de San Alberto (Noia, A Coruña)

Premio ao mellor guión: Na biblioteca hai moita vida, do IES Breamo (Pontedeume, A Coruña)

O certame ten como obxectivos impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. O certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. Esta iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura dar formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

O xurado deste ano estivo composto por Nora Sola (xornalista, empresaria e ex directora do OUFF), como directora; César Silva (director de programación do OUFF), María Manuela Leis (coordinadora dos equipos de Normalización de la Xunta), Manoli Maseda (coordinadora de normalización lingüística de Ourense) e Fernando González (actor, presentador, realizador e músico).

Tamén esta semana, no marco do certame, o auditorio acolleu o luns un obradoiro de dobraxe na escola, para o alumnado de Secundaria, impartido polos actores e realizadores Suso Pando e Manuel Pombal. Estes obradoiros continuarán os días 9, 13 e 16 deste mes para alumnado de 6ª de Primaria. O martes, 7 o espazo municipal acolleu un obradoiro de vídeo para alumnado de Secundaria, impartido polo realizador Mikel Nieto Segura.