Ferrocarril

Celso Delgado denuncia os atrasos e incumprimentos na chegada dos trens Avril a Galicia

Denuncian que o atraso na entrada en operación comercial destes trens está causando un grave prexuízo aos usuarios dos servizos ferroviarios e por iso demandan “responsabilidades e explicacións”.

Óscar Gómez

Ourense | 04.03.2024 13:27

Celso Delgado denuncia os atrasos e incumprimentos na chegada dos trens Avril a Galicia
Celso Delgado denuncia os atrasos e incumprimentos na chegada dos trens Avril a Galicia | onda cero

Denuncian os populares que o atraso na entrada en operación comercial destes trens está causando un grave prexuízo aos usuarios dos servizos ferroviarios de Alta Velocidade no que a tempos de viaxes e prazas ofertadas se refire. De aí a súa esixencia de “responsabilidades e explicacións” por parte do Goberno central ante esta “aldraxe” á nosa Comunidade por parte de Pedro Sánchez.

“Os trens Avril foron adxudicados por Renfe a Talgo en 2017 coa previsión de que as primeiras unidades serían entregadas no ano 2020”, recorda o vicepresidente da Comisión de Transportes do Congreso e deputado por Ourense, Celso Delgado, ao tempo que subliña os posteriores adiamentos desta data ata 2021, 2022, 2023 e, finalmente, o primeiro trimestre de 2024.

O parlamentario ourensán acusa ao ministro Óscar Puente de mentir cando o 5 de xaneiro, nun “bochornoso” acto electoral en Vigo, chegando a estación cos Reis Magos, asegurou que “sen dúbida algunha os usuarios xa poderían comprar os billetes para viaxar nos trens Avril a partir do 1 de marzo e que sería nese mes cando comezaran os servicios comerciais”.

E lamenta que agora o Goberno de Pedro Sánchez non só incumpre novamente o prazo previsto, senón que “aínda non sabemos nin cando entrarán en servizo estes trens nin cantas unidades chegarán a Galicia”.

Lembra así mesmo que en decembro de 2021 chegou a Alta Velocidade a Ourense pero, aínda a día de hoxe, outras cidades galegas como Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Pontevedra seguen esperando o cumprimento dos tempos de viaxe con Madrid que foron comprometidos polo Goberno.

Uns tempos que só poderán alcanzarse coa posta en servizo dos novos trens Avril de rodadura desprazable que permitirán circular por toda a rede ferroviaria galega, integrada tanto por vías de Alta Velocidade de ancho estándar europeo como polas convencionais de ancho ibérico.