Os datos do paro rexistrado, publicados polo SEPE, constatan a minoración da actividade económica e a urxencia do plan de reconstrución. No mes de marzo, o paro diminuíu a pírrica cifra de 231 persoas, nun mes en que o habitual é case o dobre. Deste xeito, en Ourense, hai 20.265 persoas desempregadas.
Desigualdade de xénero
O colectivo máis afectado novamente volve a ser o das mulleres con 11.553 desempregadas fronte aos 8.712 desempregados homes.
Por sectores
Debido a campaña de semana santa o sector onde máis diminúe o desemprego (94%), é no sector servizos con 216 persoas menos, seguido da construción con 30 menos e a Agricultura con 13 menos. Pola contra aumenta no sector da Industria con 28 persoas desempregadas máis. Estes datos reflicten con contundencia, unha vez máis, o desequilibrio derivado do peso excesivo que, sobre a economía provincial, segue a ter sector servizos fronte a mínima presenza da industria.
A contratación
O dato máis preocupante é que a meirande parte da contratación segue a ser precaria: dos 5.049 contratos rexistrados en marzo, 4.266 teñen data de caducidade. Novamente é o sector servizos onde máis se contrata. O conxunto da contratación realizada só serviu, no mellor dos casos, para crear 981 postos de traballo, o que dá idea da intolerable rotación que caracteriza o mercado laboral provincial.
Declarativa
CCOO indica que non aceptará seguir coa mesma lexislación coa que se afrontou a anterior crise. Algunhas das situacións dramáticas que están a pasar teñen a súa orixe na vixencia dunha reforma laboral perversa que facilitou ata o extremo os despedimentos. A reforma laboral ten convertido ao conxunto de Galicia nun paraíso e a Ourense nun deserto no que as multinacionais poden parar unilateralmente a produción con expedientes de regulación de emprego e sen ningunha contrapartida para deixar de investir sen miramento algún para as consecuencias negativas sociolaborais do territorio. Por iso, CCOO esixe ao Goberno a reversión desta situación intolerable para o conxunto da clase traballadora asalariada.