Eleccións 23 Xullo

Os candidatos populares esixen a “baixada inmediata” do IVA da carne, o peixe e as conservas

Os populares prantexan a “necesidade urxente” de implementar medidas para loitar contra a inflación e o empobrecemento das familias. En paralelo, reivindican a potenciación do sector primario fronte ao “desleixo do Goberno de Sánchez”.

Óscar Gómez

Ourense | 10.07.2023 08:09

Os candidatos populares esixen a “baixada inmediata” do IVA da carne, o peixe e as conservas
Os candidatos populares esixen a “baixada inmediata” do IVA da carne, o peixe e as conservas | onda cero

Ao remate da visita dos candidatos populares á Praza de Abastos da cidade, a cabeza de lista ao Congreso esixiu “a baixada urxente do IVA de produtos fundamentais como a carne, o peixe e as conservas, do 10 ao 4%”.

“Na Praza de Abastos de Ourense volvemos a comprobar, unha vez máis, o que o Partido Popular vén denunciando ao longo destes meses: a inacción do Goberno de Sánchez fronte á suba dos prezos”, explicou Ana Belén Vázquez, que detallou como “hoxe mesmo, os comerciantes explicáronnos como as vendas caeron á metade, porque hai moita xente que o está a pasar mal polas consecuencias da inflación e da guerra de Ucraína”

A candidata popular lembra que “dende que Pedro Sánchez está no Goberno, facer a compra diaria dunha familia subiu un 26%. E aí están as consecuencias: hoxe mesmo coñecemos os últimos datos sobre a pobreza en España, con 1,7 millóns de familias incapaces de afrontar os seus gastos básicos, segundo datos do Banco de España”.

“A suba de prezos é brutal: o aceite sube un 80%; os ovos, un 25%; outros produtos esenciais como a pasta ou a froita dispáranse un 45%… e as familias teñen que soportar subas na hipoteca de 300 euros”, detalla Ana Belén Vázquez.

“Que quere o Partido Popular? Que se o Goberno recada 33.000 millóns máis pola suba dos prezos, que ese diñeiro repercuta directamente nas familias”, prantexou a candidata popular, que tamén debullou outros aspectos fundamentais do programa electoral do PP neste eido como a baixada do IRPF para as rendas anuais de menos de 40.000 euros ou a rebaixa das hipotecas na compra da primeira vivenda.

A número 2 por Ourense ao Congreso, Rosa Quintana, explicou na súa intervención ante os medios de comunicación desta mañá que “so vendo os programas electorais e lembrando a preocupación que sempre tivo o Partido Popular cos sectores primarios, queda moi clara a diferenza entre partidos”.

“Levamos uns anos de Goberno de Sánchez no que os grandes esquecidos foron, precisamente, aqueles sectores encargados de producir alimentos”, criticou Rosa Quintana ao remate da visita dos candidatos populares á Praza de Abastos. “Na pandemia, a agricultura ou a gandería foron declarados sectores esenciais. Sen embargo, pasada a emerxencia sanitaria o Goberno central esqueceuse deles”.

“O Partido Popular é o partido do rural. E por iso levamos no noso programa a necesidade de seguir acompañando aos sectores primarios para ser capaces de desenvolver a súa actividade e facilitar a dinamización do medio rural”, reivindicou a número 2 por Ourense ao Congreso.

Cunha destacada experiencia como conselleira de Mar (2009-2023) e Medio Rural (2012-2015), Rosa Quintana incidiu no traballo desenvolvido polos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda neste eido: “En Galicia, a defensa do primario levámola ben acreditada por parte do goberno autonómico. O presidente Feijóo blindou este sector, e estamos convencidos que o mesmo modelo aplicado en Galicia na defensa dos intereses do campo e o mar aplicarémolo en toda España a partir do 23 de xullo”.