Ourense Cidade

Os bombeiros de Ourense levaron a cabo máis de 200 intervencións no primeiro trimestre

Entre as actuacións, 92 foron asistencias técnicas, 66 casos de incendios e explosións, 7 socorros a vítimas e 4 actuacións en accidentes de tráfico.

Óscar Gómez

Ourense | 04.04.2024 10:41

Os bombeiros de Ourense levaron a cabo máis de 200 intervencións no primeiro trimestre
Os bombeiros de Ourense levaron a cabo máis de 200 intervencións no primeiro trimestre | La Región

O Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e de Salvamento do Concello de Ourense levou a cabo un total de 202 intervencións na cidade durante o primeiro trimestre do ano 2024. Así o reflexa o balance de actividades elaborado polo servizo municipal, no que constan as diferentes tipoloxías de actuacións levadas a cabo, con 92 asistencias técnicas, 7 socorros a vítimas e 4 intervencións en accidentes de tráfico; amais da participación do corpo municipal nos labores de seguridade de diferentes eventos e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación.

O servizo atendeu 202 intervencións, un número que pon de manifesto a constante demanda da presencia do servizo municipal e a variada tipoloxía de actuacións que ten que levar a cabo. Dentro desta cifra, as asistencias técnicas foron as máis frecuentes, con 92 intervencións, que abranguen desde situacións de risco menor até complexas operacións de rescate.

Os incendios e explosións, con 66 casos atendidos, seguen sendo un reto significativo, que demostra a importancia dunha resposta rápida e eficaz para minimizar danos e garantir a seguridade da veciñanza. A eles súmanse os labores de rescate (24), nos que se inclúen 7 socorros a vítimas e 4 intervencións en accidentes de tráfico.

Ademais, a contribución do servizo non se limita á resposta a emerxencias. A implicación na prevención (17 actuacións) resulta fundamental no seu labor e demóstrase en exemplos como as 10 participacións en eventos e espectáculos públicos e 4 actividades de formación e divulgación. Estas accións están deseñadas para educar a poboación sobre como previr incendios e como actuar en caso de emerxencia, un labor preventivo que pode salvar vidas.