Medio Ambiente

O BNG pide paralizar os cinco proxectos eólicos de Avintia incluídos na ampliación da Rede Natura

María Albert reclama un novo plan sectorial eólico que exclúa as zonas de alto nivel ambiental e garanta a participación pública dos beneficios do sector

Óscar Gómez

Ourense | 17.03.2021 09:13

El Principado asegura que no es posible Parques Eólicos en zonas protegidas
El Principado asegura que no es posible Parques Eólicos en zonas protegidas | MAP

Santiago de Compostela, 16 de marzo, 2021. A parlamentaria do BNG, María Albert lamentou o voto desfavorable do Partido popular á proposición non de lei nacionalista que reclamaba “a paralización dos cinco proxectos eólicos de Avintia, incluídos na ampliación da Rede Natura”.

Na defensa da iniciativa, a deputada reiterou a postura do BNG a respecto das enerxías renovables e a progresiva descarbonización e lembrou que o BNG dende o goberno da Xunta liderou “o impulso eólico baseado nun modelo respectuoso co medio ambiente, adaptado ás necesidades enerxéticas e priorizando o retorno económico e social en Galiza.

A nacionalista recalcou que é preciso un cambio de modelo e “un novo plan sectorial eólico que exclúa realmente as zonas de alto valor ambiental” e con garantías de participación pública dos beneficios do sector. Albert explicou que os cinco proxectos eólicos afectan principalmente a Valdeorras pero tamén ás comarcas de Quiroga, Terras de Trives e Terras de Caldelas e advertiu que a pesar do intento da empresa de fragmentalos en cinco proxectos, a dimensión, a proximidade das instalacións e territorio que abarcan responde a un único proxecto ,a un “megaproxecto”.

Albert denuncia fraude de lei das empresas para branquear os proxectos

A deputada lembrou que no mes de novembro de 2020, o Tribunal Superior de Xustiza anulou a autorización da Xunta por detectar una división “artificial” para suavizar a súa avaliación ambiental” no parque eólico de Sasdónigas en Lugo. Neste sentido sinalou que problema non é a enerxía eólica é “o xeito no que se están a realizar os proxectos de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico e medioambiental”.

Estase regalando o espazo público e a paisaxe natural a grandes compañías foráneas a cambio de “irrisorias compensacións para xs propietarixs e os Concellos”. O proxecto de Avintia non anuncia ningunha estimación para a creación de postos de traballo e o seu mantemento. Por outra parte, dixo, tamén incumpre a Directiva Marco da Auga pola afectación a recursos hídricos claves para o abastecemento así como a loita contra o cambio climático en augas superficiais, subterráneas e tamén en humedais.

O modelo non garante a negociación cos propietarios, os concellos, nin o retorno económico xa que si o impacto no PIB é de máis de 580M€, “só 11M€” son percibidos polos propietarios dos terreos segundo datos da propia patronal eólica.

María Albert remarcou que o BNG apostou polo desenvolvemento eólico. “Un desenvolvemento racional e fixado no país” pero neste momento, alertou vivimos un “descontrol eólico” no que priman “os intereses das eléctricas” usando un marco legal obsoleto, cunha planificación de 1997, sen garantir tratos xustos aos propietarios das terras, sen negociación e sen protexer as áreas de valor ambiental, concluíu.