Ourense Provincia

O BNG demanda un local de doazón de sangue en Ourense

Iago Tabarés denuncia que a actual crise de reservadas sanguíneas vese agravada na área sanitaria de Ourense por estar privada dun local axeitado para a execución de todos os sistemas de extracción de sangue.

Óscar Gómez

Ourense | 21.12.2022 08:52

O BNG demanda un local de doazón de sangue en Ourense
O BNG demanda un local de doazón de sangue en Ourense | onda cero

O Deputado do BNG, Iago Tabarés, demanda desde o Parlamento de Galiza que a Xunta dote a Ourense das instalacións e locais necesarios para a realización de doazóns de sangue por todos os medios de extracción empregados pola ADOS, nomeadamente mediante aférese, e nas mellores condicións de salubridade e comodidade para o doante.

Dende hai meses o servizo de doazóns en Ourense non dispón de instalacións no CHUO para a realización das doazóns de sangue, tendo que prestarse o servizo exclusivamente en unidades móbiles que non permiten a realización de doazóns de sangue.

A actual situación de crise das reservas sanguíneas que a propia Axencia galega de Doazón de Órganos e Sangue fixo pública polos baixos niveis das reservas dos hospitais galegos e que está provocando a suspensión de intervencións cirúrxicas, vese agravada na area sanitaria de Ourense, que dende hai meses ven padecendo a privación dun local axeitado para a execución de todos os sistemas de extracción de sangue, sinalou o deputado do BNG.

As doazóns mediante aférese presentan importantes vantaxes sobre o sistema de doazón convencional, pois non só permite dispor de cada hemoderivado sen ter que someter a bolsa ao proceso de fraccionamento dos seus compoñentes, senón que na extracción mediante aférese o doante recupera o plasma no momento e as plaquetas nun prazo de 48 horas, existindo un importante incremento na frecuencia coa que se poden realizar as doazóns. Unha mesma doante pode realizar máis doazóns mediante aférese que por medio da extracción convencional.

A pesares do anterior, sinala Tabarés, da importante necesidade de incrementar as reservas sanguíneas que actualmente están a impedir a realización de intervencións cirúrxicas, das campañas realizadas para superar esta situación e tamén para a divulgación da utilización de novos sistemas de extracción, “resulta inadmisíbel que continúe a privarse á poboación de Ourense dun local no que poder doar sangue con comodidade e por medio dos sistemas máis eficaces e eficientes.”