O BNG anunciou a presentación dunha batería de iniciativas a todos os niveis institucionais e vinculadas coa situación na que se atopa o transporte público en Ourense e nomeadamente co que ten que ver co chamado transporte metropolitano. A deputada Noa Presas lembrou que “hai practicamente un ano celebrábase a primeira reunión Rueda - Jácome”, e engadía, “un ano despois, o balance é absolutamente nefasto para Ourense, que non avanzou en nin un só dos compromisos sinalados, que xa eran repeticións de cuestións pendentes desde hai anos”. Noa presas destacou ademais que “a Ourense non lle serviu ter un alcalde posto polo PP, nin cando foi directamente dos populares como foi o caso de Jesús Vázquez nin cando foi a súa cara B, o señor Jácome”.
Presas incidiu no feito de que “Ourense non avanzou nas grandes infraestruturas, ten o termalismo bloqueado, segue sen ecobarrio, non ten un só Centro de saúde novo, non ten máis prazas públicas de maiores nin ten unha nova escola infantil desde hai máis de 14 anos”.
Un dos aspectos máis custionables para Noa Presas é “o abandono da Xunta para con Ourense, un abandono que é máis que evidente no referido ao transporte público por estrada e ao chamado transporte metropolitano pois non hai un Plan de Transporte Metropolitano pensado por e para Ourense que conecte a cidade e os principais concellos de arredor”.
“Nin sequera que conecte adecuadamente o Campus, no que estudan case 4.000 estudantes, nin cos polígonos industriais nos que traballan arredor de 13.000 persoas nin a estación de tren para conectar co transporte ferroviario. Non hai avances na súa concreción e Ourense ten un modelo de mobilidade obsoleto que non serve para dar resposta ás necesidades do século XXI. Ourense non pode seguir perdendo tempo”.
Desde o BNG anunciaron o impulso dunha batería de iniciativas no Parlamento Galego, no Concello e na Deputación para desbloquear o transporte metropolitano de Ourense e baseado no impulso dunha “nova ordenación de liñas que conecte os concellos de arredor de Ourense coa cidade e que dea prioridade tamén á conexión cos polígonos industriais, co Campus e coa estación de tren así como retomar e revisar o borrador do Plan metropolitano que foi remitido xa no ano 2015 e incluír concellos que estaban excluídos sen razón algunha por parte da Xunta como son A Peroxa, Vilamarín, Paderne de Allariz, Nogueira de Ramuín e Taboadela que se engadirían ao xa previstos inicialmente e que son Coles, San Cibrao das Viñas, Punxín, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Toén, Amoeiro e Ourense”.
Pola súa banda, o Portavoz municipal Luís Seara fixo fincapé en que “a desidia da Xunta de Galiza e o feito de ter un Goberno Local sen folla de ruta, ten impedido que o transporte comarcal sexa unha realidade a día de hoxe”, e engadiu, “en Ourense temos un transporte municipal que leva anos en precario e cun Goberno que merca autobuses pero que non ten resolto de que xeito xestionar o servizo”.
Luís Seara incidiu neste punto para lembrar que no anterior mandato, o Goberno liderado por Jácome aprobou un Regulamento de transporte que apostaba pola extensión de liñas máis aló do termo municipal do Concello de Ourense “pero que logo de case catro anos foi incapaz de implementar nin tan sequera unha liña”.