Xunta de Galicia

Axudas da Xunta para corrixir os impactos paisaxísticos que o ano pasado beneficiaron a 20 Concellos

Gabriel Alén explicou que os particulares que se acollan ao programa da nova convocatoria terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.

Óscar Gómez

Ourense | 25.01.2022 08:18

Axudas da Xunta para corrixir os impactos paisaxísticos que o ano pasado beneficiaron a 20 Concellos
Axudas da Xunta para corrixir os impactos paisaxísticos que o ano pasado beneficiaron a 20 Concellos | onda cero

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou acompañado do alcalde, Jaime Sousa o local social de Cartelle, reformado ao abeiro das axudas para corrixir impactos paisaxísticos en equipamentos municipais ao que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinou 24.990,00€. A continuación, tamén visitaron un inmoble particular onde se desenvolveron actuacións de reforma por un importe de 3.000€ dentro da liña desta mesma orde de axudas.

Na provincia de Ourense, 20 concellos resultaron beneficiarios, por un importe total de 248.008,12 euros nas dúas liñas de axudas. Polo que respecta ás axudas a particulares, foron 90 as actuacións concedidas, por un importe de 228.923,06 euros. En total, na provincia de Ourense concedéronse 476.931,18 €.

O delegado territorial explicou que o Goberno galego convocou hai unha semana dúas liñas de axudas dirixidas a particulares e a concellos para executar actuacións que permitan corrixir os impactos paisaxísticos causados polo paso do tempo ou unha mala conservación en vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais. Os particulares que se acollan ao programa terán acceso a un máximo de 3.000 euros, mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros.

Gabriel Alén subliñou a convocatoria de dúas novas resolucións por un importe de 1,6 millóns de euros, aínda que esta dotación inicial será ampliada ata chegar aos 2 millóns de euros —1,2 millóns de euros para os particulares e 800.000 euros para os concellos—.

En canto á presentación das solicitudes poderase realizar do 20 de xaneiro ao 21 de febreiro no caso das axudas dirixidas a particulares, e ata o 28 de febreiro no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Visita de Gabriel Alén a Cartelle
Visita de Gabriel Alén a Cartelle | onda cero

Éxito dunhas axudas pioneiras

Tralo éxito acadado na primeira convocatoria, o delegado explicou que a Xunta decidiu, no marco da súa aposta polo fermosismo, brindar de novo apoio económico a aqueles cidadáns e concellos dispostos a executar actuacións de renovación, mellora e acondicionamento sobre edificacións da súa titularidade co fin de lograr unha repercusión positiva sobre a contorna, demostrando así o seu compromiso co coidado e a protección paisaxística.

Cómpre lembrar que o balance das dúas primeiras ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos foi de máis de medio milleiro beneficiarios —445 familias e 66 concellos— que recibiron axudas por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir nun total de 222 municipios galegos. Ademais, tendo en conta que a achega da Xunta cubre o 70% da actuación, estímase que grazas a estas subvencións o ano pasado se mobilizou en Galicia un investimento total de 2,9 millóns de euros.

Neste sentido, o delegado territorial indicou que a convocatoria de 2022 será moi similar á anterior aínda que se introducen algunhas melloras, como a simplificación dos trámites, a redución da documentación a presentar por parte dos solicitantes ou algunhas especificacións e novidades técnicas incorporadas co fin de ampliar o abano das actuacións subvencionables.

Ademais, adiántase a publicación de ambas axudas ao mes de xaneiro, co obxectivo, segundo explicou, de que tanto os particulares como as administracións locais interesadas poidan dispoñer de máis tempo para executar e xustificar as actuacións obxecto da axuda.

Actuacións subvencionables e tipos de edificacións

Entre as actuacións subvencionables inclúense, no caso dos propietarios particulares, obras de revestimento e pintura de fachadas sen rematar, renovación dos acabados e remates exteriores de edificacións e vivendas —tamén das cubertas—, acondicionamento de peches de fincas e muros de cerramento ou substitución de celosías.

En canto ás subvencións para concellos de menos de 20.000 habitantes, poderán pedir ata dúas axudas, unha por cada liña: a Liña I, dirixida a actuar sobre o exterior de edificios ou dependencias de tipo sanitario, educativo, cultural ou administrativo-institucional; e a Liña II, pensada para recuperar equipamentos e elementos de uso público —fontes, palcos de música, lavadoiros e hórreos— que debido ao desuso ou a unha deficiente conservación teñan un impacto indesexable sobre a súa contorna.