Vivienda

Axudas para rehabilitar viviendas municipais

A conselleira Ángeles Vázquez visitou Bande, onde a Xunta investiu preto de 200.000 euros nas obras de recuperación de seis inmobles propiedade do Concello, que se adxudicarán en alugueiro a familias con poucos recursos

Óscar Gómez

Ourense | 14.01.2021 08:59

Axudas para rehabilitar viviendas municipais
Axudas para rehabilitar viviendas municipais | Onda Cero

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocará nas próximas semanas, previsiblemente antes de que remate xaneiro, unha orde de subvencións dotada dun orzamento de 1,7 millóns de euros para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social.

Así o avanzou a conselleira Ángeles Vázquez durante unha visita ao Concello de Bande, un dos municipios que se beneficiaron nos últimos anos das axudas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) destinadas a facilitar e fomentar a nivel local este tipo de intervencións en materia residencial.

Concretamente, explicou que o seu departamento destinou preto de 200.000 euros a colaborar neste municipio na rehabilitación de seis inmobles unifamiliares e propiedade do Concello. Grazas a estes fondos, tal e como indicou a conselleira, o Goberno local puido completar a restauración destas antigas vivendas de mestres, compostas de dúas plantas, construídas en medianeira e moi ben situadas, cerca dos centros educativos do municipio.

Despois dunha completa intervención tanto no interior como na fachada, as seis vivendas están xa completamente rematadas, polo que o Concello poderá adxudicalas en réxime de alugueiro a outras tantas familias con baixos ingresos. Ademais, a conselleira lembrou que a finais do ano pasado tamén se lle concedeu un préstamo sen xuros de case 30.000 euros a través do Fondo de Cooperación do IGVS, unha partida que o Goberno de Bande empregará para completar o acondicionamento da contorna das vivendas.

Tras subliñar a “importancia” deste tipo de axudas para que as entidades locais, sobre todo as máis pequenas, se animen a crear ou ampliar os seus propios parques públicos residenciais, a conselleira puxo as seis vivendas rehabilitadas en Bande como exemplo da “boa acollida” que tivo entre o municipalismo galego o programa para a rehabilitación de antigas vivendas de mestres e doutros oficios desde a súa creación en 2017.

Ata 50.000 euros por vivenda rehabilitada en 2021-2022

Grazas ás axudas da Xunta a entidades locais para rehabilitación residencial, Ángeles Vázquez lembrou que nos últimos catro anos se actuou nun total de 125 vivendas en 40 concellos galegos, unha medida coa que se potencia o medio rural como lugar para vivir e, á vez, pretende servir de motor de reactivación económica para os concellos.

Neste sentido e con respecto á convocatoria deste ano, subliñou que a través da nova orde introduciranse unha serie de melloras. Concretamente, estenderase o ámbito de actuación a todo tipo de vivendas de titularidade municipal en concellos de menos de 20.000 habitantes e ampliarase o importe máximo da axuda a percibir ata 50.000 euros por vivenda (só en caso de que o inmoble a rehabilitar estea dentro dunha Área Rexurbe). A contía será de 48.000 euros para vivendas situadas nun ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago.

Esta liña de axudas á rehabilitación con destino ao alugamento social convocarase nas próximas semanas e estará dotada inicialmente de 1,7 millóns de euros para o período 2021-2022, aínda que está previsto ampliar o seu orzamento.