Concello de ourense

O Auditorio acollerá o 11 de xuño o espectáculo musical “MITIC: Descubre os límites da gaita”

Ademais, para as próximas semanas o espazo acollerá os espectáculos de JJ Vaquero, Noites de retranca, Cantajuegos e Antoine, o musical

Óscar Gómez

Ourense | 10.05.2022 10:40

O Auditorio acollerá o 11 de xuño o espectáculo musical “MITIC: Descubre os límites da gaita”
O Auditorio acollerá o 11 de xuño o espectáculo musical “MITIC: Descubre os límites da gaita” | onda cero

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o día 11 de xuño o espectáculo musical “MITIC”. Co lema “Descubre os límites da gaita e deixa que conte a banda soinora da túa vida”, os organizadores presentan “un espectáculo de continuo descubrimento para o público máis esixente, onde de primeira man van coñecer o poder da gaita galega, como nunca o viran antes, inmersa na pel de Freddie Mercury, Bon Jovi, Tina Turner, Axel Rose, The Beatles... 90 intensos minutos lembrando as máis grandes figuras do rock internacionales. O espectáculo de Zarpa Music desenvolverase o día 11 de xuño ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Ourense. As entradas xa están á venda na web de Ataquilla.

Trátase do “primeiro espectáculo musical encabezado por unha gaita, onde este rompe a etiqueta de “tradicional” para converterse no violín de "Candilejas", na guitarra de Brian May ou na voz de Frank Sinatra co seu inesquecible "My way". Un paseo de 120 minutos polo pasado e o presente. De MITIC podemos esperar dúas horas de emocións, cunha gaita en alza que rompe coas barreiras do tradicional, afastándose do folk e penetrando en xéneros como o pop, o rock, o cinema, ou a ópera... Un bombardeo de sentimentos e sensacións a cada un dos espectadores”, aseguran.

Programación para as vindeiras semanas

Ademais, antes desta actuación, o Auditorio Municipal acollerá diversa programación de espectáculos nas vindeiras semanas de maio e xuño. O humor será protagonista con JJ Vaquero, o día 14 de maio e Noites de Retranca, o 21 de maio, que traerá a Luis Zahera, Manuel Manquiña e Víctor Fábregas.

O 28 de maio terá lugar o espectáculo de Cantajuegos, e os días 4 e 5 de xuño, o Auditorio acollerá o musical de Antoine, que conta a historia dun piloto incansable, un espírito inquieto e un escritor brillante. Así era Antoine de Saint- Exupéry. Un adiantado ao seu tempo que levou a súa paixón por coñecer mundo onde nunca ninguén antes imaxinara.