Complejo Monterrei

Arrancan as obras das piscinas infantil e familiar de Monterrei

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á sinatura da acta de replanteo da segunda fase -a primeira relativa ao parque acuático- do Complexo Deportivo de Monterrei como paso previo ao inicio das obras dos accesos, os espazos infantís e as novas piscinas que serán unha realidade no verán de 2022.

Tras a posta en funcionamento desta primeira fase, a segunda fase -encargada do río lento- estará rematada no verán de 2023 e a terceira e cuarta fase -zonas de adrenalina e multiaventura- finalizará no verán de 2024

Óscar Gómez

Ourense | 08.11.2021 09:25

Arrancan as obras das piscinas infantil e familiar de Monterrei
Arrancan as obras das piscinas infantil e familiar de Monterrei | onda cero

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, asistiu á sinatura da acta de replanteo da segunda fase -a primeira relativa ao parque acuático- do Complexo Deportivo de Monterrei como paso previo ao inicio das obras dos accesos, os espazos infantís e as novas piscinas que serán unha realidade no verán de 2022. O importe de adxudicación á empresa Proyecon Galicia S.A. é de 4.701.920,85 euros e contará cun prazo de execución de oito meses. No acto tamén estivo presente o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández e o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor.

Segundo Lete Lasa, deste xeito, levarase a cabo a “creación dunha nova zona de acceso e un aparcamento; un novo edificio de acceso, con vestiarios, zona de administración e oficinas; nova zona de xogos acuáticos para idade infantil; reformulación da zona das piscinas actuais, aproveitando os vasos existentes coa incorporación de novas funcionalidades e tobogáns; creación de novas zonas de lecer; así como a dotación de novas instalacións de saneamento e abastecemento”.

Lete Lasa lembrou a inauguración a principios de ano da fase deportiva do Complexo Deportivo de Monterrei que incluiu a construción dun pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, ademais dunha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e a ampliación da cuberta da pista de atletismo.

Tras a posta en funcionamento desta primeira fase do parque acuático, que estará lista no verán de 2022, Lete Lasa informou que será a quenda da segunda, terceira e cuarta fase do parque acuático que neste intre atópanse en revisión técnica. A segunda fase -encargada do río lento- estará rematada no verán de 2023 e a terceira e a cuarta fase -que se ocuparán das zonas de adrenalina e multiaventura- finalizará no verán de 2024.

10 millóns de euros para un proxecto para toda a familia

O proxecto de reforma do novo Complexo Deportivo de Monterrei conta cunha zona deportiva e unha zona acuática como dúas partes diferenciadas e independentes. O orzamento total da actuación roldará os 10 millóns de euros e será cofinanciado ao 50% entre Xuntade Galicia e Deputación de Ourense. A actuación proxectada ten unha clara vocación de servizo ao público xeral, dirixida prioritariamente á xeneralización da práctica da actividade física saudable e da práctica deportiva e do ocio familiar. As novas instalacións permitirán ampliar a actual oferta

deportiva e, sobre todo, acadar a súa desestacionalización dando servizo os 365 días do ano. Cómpre lembrar que durante a execución das obras poderanse utilizar en todo momento as instalacións xa existentes ou finalizadas.

O futuro parque terá en conta as posibilidades de lecer que rodean a este espazo e que forman parte do actual complexo mantendo a contorna natural, os espazos verdes e a vexetación existente, creando un lugar agradable para os seus visitantes. O complexo deportivo de Monterrei converterase deste xeito nunha referencia de adaptación ao medio e ao entorno natural que rodea o espazo e, por suposto, de sustentabilidade. A eficacia na xestión e a eficiencia enerxética serán aspectos fundamentais para obter unha instalación co maior rendemento social e económico posible.