O Concello de Nogueira de Ramuín, coa colaboración da Deputación de Ourense, celebrará o próximo sábado, día 26, a XI edición da súa Andaina Solidaria que este ano márcase como obxectivo recadar fondos para a Asociación ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (Aodemper), entidade declarada de utilidade pública que cumpre o seu 25 aniversario.
A cita solidaria foi presentada esta mañá no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto, acompañado polo concelleiro de Seguridade, Manuel Pereira; e polas representantes da xunta directiva da asociación, Socorro Fernández e Laura Ruiz.
A hora de comezo da andaina está fixada para as 10.00 horas con saída desde a praza de Luíntra. Ao igual que en edicións anteriores e para que os participantes poidan adaptarse as súas condicións físicas, a organización deseñou dous percorridos: unha ruta curta de nove quilómetros e unha máis longa de ata 20 quilómetros. Para facilitar a colaboración con este iniciativa solidaria, o Concello de Nogueira de Ramuín tamén habilitou unha “fila cero” para que a cidadanía poida facer as súas achegas á asociación.