Ourense Cidade

O Alcalde media para que Ourense teña un equipo de futbol profesional

O novo proxecto impulsarase con capital privado e nas próximas semanas espérase pechar o acordo definitivo

Óscar Gómez

Ourense | 05.07.2021 09:23

O alcalde media para que Ourense teña un equipo de futbol profesional
O alcalde media para que Ourense teña un equipo de futbol profesional | Faro de Vigo

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, media para acadar un acordo que permita a cidade de Ourense contar cun equipo insignia nas categorías do fútbol profesional español. Tras o éxito conseguido co COB, onde a intervención do alcalde de Ourense, xunto ao presidente da Deputación, callou na captación dun promotor-investidor privado que poida catapultar ao club de Baloncesto á ACB nun par de anos, Gonzalo Jácome pretende repetir o mesmo modus operandi, agora co fútbol.

O rexedor promove e está ao tanto, dos movementos necesarios para lograr que capital privado entre e lidere un proxecto futbolístico na cidade, que poñan ao club nas categorías que lle corresponden para unha cidade de 100.000 habitantes. "Debemos ter alicientes e espectáculos propios para esta cidade, e tentar competir futbolisticamente con outras cidades de poboacións semellantes, pero non con pobos ou vilas (algúns de menos de 5.000 habitantes cos que compartimos categorías)", manifestou Gonzalo Jácome.

Para o alcalde, Pérez Jácome, “por potencial e tradición, Ourense é unha cidade que cumpre os requisitos para loitar por chegar ao fútbol profesional”, apuntando á 1-REF, primeiro, e 2ªA a continuación, “de soñar con 1ª División xa chegará o tempo”.

Actualmente Ourense cidade ten dous equipos semi-profesionales, o Ourense CF na categoría de 3ª REF (5º nivel do fútbol nacional, antiga Rexional Preferente), e a UDO en Rexional Preferente (6º nivel do fútbol nacional, antiga 1ª Rexional).

O ano pasado, o alcalde, Gonzalo Jácome, xa tentou a unificación de ambos clubs, proposta que foi rexeita en asemblea pola UDO. As consecuencias xa as sabemos, non só non se ascendeu de categoría por non unificar, senón que un dos dous equipos da cidade, concretamente a UDO, descendía á categoría de Rexional Preferente.

Este ano retomáronse os contactos entre as partes, e de momento a presidencia da UDO rexeitou convocar unha asemblea respecto diso, ao prever poucas opcións de éxito a esta nova proposta do alcalde. Por iso, o alcalde de Ourense, que tocou primeiramente a porta da UDO para tentear opcións, explora outras vías, tanto na provincia de Ourense como fóra, para que se posibiliten os traslados e unha localización deportiva na cidade de Ourense, dun club futbolístico de futuro.

O novo proxecto impulsarase con capital privado, xa que o alcalde sempre defendeu que os espectáculos deben pagalos os espectadores (ou patrocinadores). Nas próximas semanas espérase pechar o acordo definitivo coa boa nova para Ourense cidade, xa para a tempada 2021-22.