Este mércores, 31 de xaneiro, abrirase o prazo de presentación de solicitudes para o Programa de Termalismo Social 2024 da Deputación de Ourense, que inclúe unha nova modalidade: o Termalismo Inclusivo, orientado principalmente, aínda que non de modo exclusivo, ás persoas con diversidade funcional e do sector da economía dos coidados.
O Termalismo Inclusivo permitirá deseñar programas personalizados para todo tipo de entidades sociais sen ánimo de lucro, de tal modo que calquera asociación poderá dirixirse á Área de Benestar para solicitar que o deseño dun programa termal grupal personalizado en función das circunstancias que afecten ao colectivo, elixindo así os balnearios, actividades e duración en meses e sesións mensuais. As posibilidades serán desde un mes ata sete.
Aínda que o programa está aberto a calquera asociación, esta modalidade nace con dúas orientacións claras: crear un programa termal orientado a persoas con diversidade funcional e a persoas do sector da economía dos coidados. O termalismo inclusivo pon de relevo as persoas con diversidade” actúan dun modo diferente á maioría e que por iso require adaptacións específicas para algunhas tarefas cotiás.
A diversidade funcional é o termo que se utiliza para referirse ás persoas que teñen algunha discapacidade que dificulta a súa vida diaria, tamén en distintos graos, abarcando diferentes discapacidades como a física, visual, auditiva, intelectual ou multisensorial.
Por outra banda, a economía do coidado busca visibilizar e valorar o traballo dos coidadores, recoñecendo a súa importancia para o desenvolvemento humano e sostible, ademais de promover políticas públicas que garantan os dereitos das persoas coidadoras e coidadas.
Duplícanse as prazas no programa contra a soidade non desexada
O Termalismo Inclusivo é unha iniciativa máis dentro do programa de Termalismo Social, ampliando así a modalidade do plan contra a soidade non desexada, como fórmula na que os balnearios convértense nun recurso sociosanitario contra a situación na que viven un importante número de persoas.
Nesta liña, no 2024 duplícanse as prazas contra a soidade non desexada, chegando ás 160. As 77 persoas que participaron en 2023, se así o desexan, poderán manter a súa praza, ao tempo que se poderán incorporar 83 novos beneficiarios.
O programa contra a soidade non desexada permite acceder todas as semanas a un balneario para recibir terapias termais en grupo. Esta é a achega diferencial desta modalidade, pois non se trata dun acceso puntual durante uns determinados días ao ano a un balneario, como a modalidade de estancias ou a de tratamentos, senón que se trata dunha periodicidade semanal durante un período comprendido entre 6 e 9 meses. As terapias, que se reciben en grupos dun máximo de 20 persoas, inclúen o acceso a servizo termais que se complementan con actividades grupais de diferente natureza que xuntan a experiencia social cos beneficios da auga mineromedicinal.
Logo da aprobación das bases reguladoras e a súa publicación no BOP, as persoas interesadas poderán formular as súas solicitudes, para as que este ano contan cunha novidade: a “sinatura por voz”. Esta ferramenta implementada pola Área de Benestar para loitar contra a exclusión dixital, permite ás persoas que non dispoñen de ordenador ou certificado dixital realizar todos os trámites administrativos habilitados.
Estancias termais de 6 días, fins de semana ou tratamentos terapéuticos sen aloxamento
Polo que respecta ao programa xeral, a modalidade máis importante do Termalismo Social seguirá sendo a de estancias termais de 6 días e 5 noites de aloxamento, pensión completa, 10 tratamentos termais con asesoramento médico e animación sociocultural. Ademais desta, púxose en marcha hai anos a modalidade de fin de semana baixo o nome de “cultura termal”, para facilitar o coñecemento e o aprecio polos balnearios xerando unha cultura de coñecemento termal.
Por último, a terceira modalidade coa que se iniciou o Programa en 2013, pensada e deseñada para os balnearios sen establecemento hostaleiro é a de tratamentos terapéuticos de 10, 20 ou 35 tratamentos respiratorios, reumatolóxicos ou dermatolóxicos, sempre con revisión médica incluída.
Logo da aprobación das bases reguladoras e a súa publicación no BOP, as persoas interesadas poderán formular as súas solicitudes, para as que este ano contan cunha novidade: a “sinatura por voz”, Esta ferramenta posta en marcha pola Área de Benestar para loitar contra a exclusión dixital e que permite ás persoas que non dispoñen de ordenador ou certificado dixital realizar todos os trámites administrativos habilitados.