Concello de ourense

Aberto o prazo para solicitar o uso dos hortos municipais de Montealegre e Mariñamansa

O Concello pón á disposición da cidadanía 68 hortos, dos que 7 se reservan a persoas con mobilidade reducida, que se adxudicarán nun sorteo público por un prazo de 2 anos prorrogable

Óscar Gómez

Ourense | 18.05.2022 08:17

Aberto o prazo para solicitar o uso dos hortos municipais de Montealegre e Mariñamansa
Aberto o prazo para solicitar o uso dos hortos municipais de Montealegre e Mariñamansa | onda cero

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense abriu o luns, día 16 de maio, o prazo para que as persoas interesadas poidan solicitar o outorgamento de autorización de uso dos hortos municipais emprazados no Parque Botánico de Montealegre e Mariñamansa. Son, en total, 50 hortos en Montealegre, dos que 5 están reservados a persoas con mobilidade reducida, e 18 en Mariñamansa, na marxe do río Barbaña, onde se reservan 2 para persoas con mobilidade reducida. O prazo de presentación de solicitudes comezou o 16 de maio e rematará o 6 de xuño. As persoas interesadas poden consultar toda a documentación no servizo de Medio Ambiente, na Praza de San Martiño, no Taboleiro de Edictos e na web do Concello de Ourense, dentro do apartado da área de Medio Ambiente. Neste apartado poden obter tamén os modelos de solicitude.

As autorizacións de uso dos hortos outorgaranse a través dun sorteo público, por un prazo de 2 anos, que se poderá prorrogar, de mutuo acordo e antes do seu vencemento, por dous períodos sucesivos dun ano cada un.

O concelleiro de Medio Ambiente Jorge Pumar destaca este servizo municipal xa que facilita as familias de Ourense o acceso a un espazo de cultivo que lles permitirá autoconsumo alimentario de produtos biosaudables, sostibles e de orixe local. Os usuarios ademais atopan un lugar onde compartir tempo de ocio activo, e de desenvolvemento social, entre veciños de diferentes idades e de distintos barrios da cidade, explica o concelleiro.

Os hortos municipais é unha iniciativa do Concello que persigue facilitar a intervención dos cidadáns no desenvolvemento sostible, favorecendo a integración e a coexistencia das culturas propias do campo e a cidade. Foméntanse así accións que repercuten no benestar das persoas, mediante a ocupación do lecer, a mellora na sanidade alimentaria e a protección do medio ambiente.

Para poder optar á adxudicación é preciso que a persoa solicitante sexa maior de idade, estea empadroada en Ourense con, polo menos, un ano de antigüidade, e resida efectiva e continuadamente no Concello de Ourense, polo menos durante nove meses ao ano, amais de estar ao corrente das súas obrigacións fiscais e tributarias. Cada persoa só poderá ser adxudicataria dun horto.

As solicitudes presentarase a través do Rexistro Xeral do Concello ou en calquera das formas permitidas pola lexislación vixente.

Jorge Pumar anuncia que a súa concellería está a traballar no estudo de novas localizacións noutras partes da cidade para o desenvolvemento de novos hortos urbanos para atender a elevada demanda dos veciños deste servizo.