Festival de cine

O 28º Ourense Film Festival bota a andar

O Premio Xacobeo á mellor película está dotado con 8.000 euros; ademais, premios á dirección, guión e interpretación.

Óscar Gómez

Ourense | 15.06.2023 08:53

O 28º Ourense Film Festival bota a andar
O 28º Ourense Film Festival bota a andar | onda cero

O Ourense Film Festival (OUFF) prepárase de cara á súa edición número 28 coa apertura da convocatoria oficial para longametraxes galegas. Esta foi unha das novidades anunciadas no peche da última edición e coa que o OUFF arranca andaina 2023. O certame cinematográfico de carácter internacional e competitivo máis lonxevo de Galicia, celebrará edición do 29 de setembro ao 8 de outubro, e abre prazo para as longametraxes galegas ata o 15 de xullo. Os galardóns establecidos nesta categoría inclúen o Premio Xacobeo a mellor película, dotado con 8.000 euros, pero ademais Premios Ourense Film Commission á mellor dirección, mellor guión e mellor interpretación. Desde a organización do OUFF queren consolidar o público do pasado ano, con máis de nove mil persoas participando nas diferentes actividades propostas polo festival, e afianzarse como un foro cultural “para a defensa, promoción e coñecemento dun audiovisual galego de calidade, persoal e que implique risco e independencia a nivel creativo”.

Desde o OUFF lánzanse as bases desta nova convocatoria que pon o foco do festival na produción galega articulando unha nova sección competitiva. Os requerimentos da organización do OUFF, publicados nas bases, indican que as obras presentadas, de ficción, animación ou documentais, deberán estar producidas integramente en Galicia, co-producidas con participación galega ou con dirección galega, entre os anos 2022 e 2023. No caso de ser unha produción integramente española, demándase que parte do equipo técnico e artístico sexa galego ou que o proxecto teña unha temática central vinculada a Galicia.

O pasado ano, ao facer balance dunha edición 2022 exitosa -non só polas cifras de público senón polo nivel da programación e propostas-, foi anunciada esta nova competición oficial de longametraxes galegas. Unha competición transversal, na que poderán participar todos aqueles traballos que formen parte das distintas seccións, oficiais ou paralelas, do 28ª OUFF. Os galardóns establecidos nesta categoría son os seguintes: o Premio Xacobeo a mellor película, dotado con 8.000 euros e os premios Ourense Film Commission á mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación, cadanseu dotado con 2.000 euros. As bases para a competición de longametraxes galegos poden consultarse en ouff.org.

Ourense, 28 edicións: amor ao cinema, apoio á industria

Do 29 de setembro ao 8 de outubro, quen se achegue a Ourense atopará máis dun plató de cinema e, sobre todo, unha oferta ampla e diversa ao redor da pantalla grande; a 28ª edición do OUFF promete converter un ano máis a cidade das Burgas nun espazo de amor ao cine e apoio á industria. Desde a súa creación en 1996, o Ourense Film Festival (OUFF) é un dos acontecementos máis destacados en Galicia na súa especialidade, coa aspiración histórica de converterse no festival audiovisual da comunidade autónoma. Ao longo da súa traxectoria consolidouse en canto a promover o cinema de autor e ao tempo social, mantendo o seu compromiso de erixirse no punto de encontro anual para os profesionais do sector en Galicia, ao tempo que produce un importante retorno económico para a cidade.