Politica Social

2000 euros de axuda anual para o funcionamento das casas niño

O montante da convocatoria ascende a 4,7 millóns de euros e está dirixida ás casas que levan funcionando máis de tres anos.

Óscar Gómez

Ourense | 12.01.2022 08:12

2000 euros de axuda anual para o funcionamento das casas niño
2000 euros de axuda anual para o funcionamento das casas niño | onda cero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o incremento en 2000 euros da axuda anual para o funcionamento das casas niño. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a do Irixo, chamada Raparigos, para informar desta convocatoria, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros e inclúe diferentes novidades.

Fabiola García
Fabiola García | onda cero

Fabiola García explicou que esta nova orde inclúe un incremento do 10% da subvención que viñan percibindo as titulares destes pequenos centros de atención á primeira infancia, que son totalmente gratuítos para as familias. A subvención elevarase ata os 24.200 euros anuais para as casas que leven tres anos en funcionamento, deste xeito poden facer fronte a gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro, entre outros.

A conselleira de Política Social explicou que outra das novidades que contempla esta nova convocatoria é unha achega adicional de 500 euros para aquelas casas niño que comezaron a súa actividade en 2016, coa finalidade de facilitar a renovación destes equipamentos máis antigos.

Simplificación dos trámites

Ademais, e como terceira mellora, simplifícanse os trámites para acollerse ás axudas. Por primeira vez a orde ten carácter plurianual, de forma que aquelas titulares que se presenten xa estarán cubertas de maneira automática para os exercicios 2023 e 2024, o que lles evitará novos trámites administrativos. Galicia ten na actualidade 90 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio galego, entre as que suman 450 prazas gratuítas para nenos de 0 a 3 anos