O portavoz de Educación do Grupo Popular, Román Rodríguez, criticou a “instrumentalización política” que os grupos da oposición no Parlamento de Galicia queren facer da posible implementación do Grao de Enxeñería Física no Campus de Ourense “cando deberían saber que esta decisión dependerá do informe que está elaborando con independencia a Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG), que en caso de ser favorable sería informado polo Consello Galego de Universidades”.
Román Rodríguez explicou que a ACSUG “é unha axencia independente, integrada nas redes europeas, de recoñecida solvencia, e que traballa con total rigor técnico sempre en beneficio do sistema universitario galego”. En concreto, apuntou que “os informes sobre a viabilidade das titulacións en cada campus son efectuados por catedráticos e titulares de universidades de fóra de Galicia, que realizan o seu traballo sen ningún tipo de presión en defensa do interese xeral da comunidade universitaria e dos territorios nos que se localizan as sedes universitarias”.
Por este motivo, o portavoz popular criticou a “instrumentalización política que pretenden facer os grupos da oposición dunha decisión que ten que fundamentarse no rigor e en criterios obxectivos”. “Están a adoptar unha posición que vai en contra da autonomía universitaria, e moi especialmente neste caso da Universidade de Vigo, polo que resulta inaudito que reclamen que se manteña a autonomía universitaria e posteriormente digan que se adopte unha decisión política para implementar unha titulación nun campus”, sinalou.
Respectar a autonoía universitaria
Rodríguez afirmou que a implantación do grao de Enxeñería Física no Campus de Ourense é “unha decisión que non depende da Xunta de Galicia, nin estamos ante unha decisión política, polo que entendemos que a oposición intenta facer presión e inxerencia sobre a ACSUG e sobre os profesionais que están analizando a viabilidade deste título en Ourense”.
“Parece mentira que se estea intentando trasladar a decisión da implementación de Enxeñería Física á Xunta, como si fose algo arbitrario que se decide en función da presión política”, manifestou o portavoz popular, para quen “os deputados da oposición deberían ser respectuosos coa autonomía universitaria e non facer inxerencia nun asunto como este que afecta á Universidade de Vigo e á ACSUG”.
Por último, Román Rodríguez informou que “en ningún momento desde a Plataforma Enxeñería Física para Ourense xa se dirixiron de xeito oficial ao Grupo Parlamentario Popular para tratar deste asunto, polo que nos resulta sorprendente as declaracións feitas polo representante da mesma aludindo á ausencia deste Grupo da reunión celebrada este 1 de xullo”.