Ourense cidade

Asinados os convenios para a reforma integral do Pavillón dos Remedios

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz, asinou dous convenios co alcalde en funcións da cidade, Jesús Vázquez Abad que redundarán na “mellora e optimización de dúas das iconas do deporte galego e ourensán” como son o Pavillón dos Remedios, e a pista cuberta de atletismo de Ourense

Óscar Gómez

Ourense | 14.06.2019 08:07

Convenio Xunta de Galicia e Concello de Ourense
Convenio Xunta de Galicia e Concello de Ourense | xunta de galicia

O proxecto a acometer será unha remodelación profunda, estética e funcional que actuará sobre diversos aspectos do complexo deportivo desde a entrada principal ata a pista polideportiva. Cómpre destacar a adaptación normativa en materia de accesibilidade como un dos puntos máis importantes do proxecto. Deste xeito, levarase a cabo a reforma dos ximnasios, do vestíbulo e dos espazos de comunicación, a dotación de novos vestiarios así como a adecuación dos existentes, a dotación de tres grandes salas polivalentes (actividades dirixidas, formación e lecer), a remodelación dos revestimentos da piscina de 50 metros Rosario Dueñas, a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros Pedro Escudero e a unificación da fachada orientada á avenida Pardo Cela e á Ponte Romana.

O Complexo Deportivo dos Remedios, inaugurado en 1969, é unha instalación municipal referente para a vida deportiva, social e cultural da cidade de Ourense. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de máis de 40.000 accesos mensuais dotado de múltiples servizos deportivos, dúas piscinas, un spa, dous pavillóns polideportivos cubertos, un campo de fútbol, un módulo de atletismo, un ximnasio, unha sala de musculación e pistas exteriores. Debido ao deterioro lóxico que sufriron os seus espazos co paso do tempo e por tratarse dunha infraestrutura referente localizada na entrada principal da cidade, nunha zona emblemática entre a Ponte do Milenio e a Ponte Romana, cómpre renovar, adaptar e adecuar o edificio ás novas necesidades implementando esta remodelación estética e, sobre todo, funcional, nun 2019 no que esta instalación cumpre 50 anos.

Sintarua convenio Xunta de Galicia e o Concello de Ourense
Sintarua convenio Xunta de Galicia e o Concello de Ourense | xunta de galicia

Pista cuberta

Por outra banda, os dous mandatarios tamén asinaron o convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral e a Fundación Pública Galega de Feiras e Exposicións de Ourense (Expourense) para regular, por unha banda, o réxime de coordinación do uso da pista de atletismo cuberta entre Xunta e Expourense para a programación por cada unha das partes das súas respectivas actividades na pista, posibilitando a utilización das instalacións con destino a actividades deportivas e garantindo a compatibilidade deste uso deportivo co feiral da instalación, que é un dos elementos identitarios desta infraestrutura. Ademais, o convenio establece tamén a regulación da xestión e a realización das actividades de mantemento, limpeza, uso e conservación das instalacións, así como os gastos de funcionamento, garantindo que se manteñan en perfecto estado para o desenvolvemento das actividades, competicións ou eventos deportivos. Como compensación dos gastos nos que incorre a Fundación Expourense na xestión e a realización destas actividades, a Secretaría Xeral para o Deporte colaborará cun importe de 200.000 euros para 2019 e 2020.

Deste xeito, o uso deportivo da pista enmarcarase en dous períodos que son dende o 1 de xaneiro ao 1 de maio e dende o 1 de decembro ao 31 de decembro, ambos inclusive, separados exclusivamente polas datas concretas para a realización do evento feiral ‘Xantar’ que sempre terá que celebrarse na primeira semana do mes de febreiro ou de marzo, dependendo do entroido, por un período máximo de 35 días dentro do anteriormente establecido intentando en todo caso unha coordinación que non mingüe o uso da pista no período no que as competicións deportivas se desenvolven.

Tras a sinatura do convenio de cooperación para levar a cabo as obras de instalación da pista o pasado 11 de abril de 2016, a pista de atletismo cuberta de Ourense foi inaugurada o pasado 16 de decembro de 2017, como unha das tres mellores pistas cubertas de España e a que conta coa tecnoloxía máis moderna. En outubro de 2018, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou unha achega de 920.000 euros a Expourense para ampliar a capacidade da pista de atletismo hidráulica ata as 1.500 persoas coa instalación de novas bancadas, o que permitirá acoller competicións de maior prestixio e incrementar o espazo expositivo en 400 m2, de forma que se poidan celebrar de xeito simultáneo no tempo actuacións deportivas e de carácter feiral. A Secretaría Xeral para o Deporte leva investidos nesta instalación máis de 3,5 millóns de euros.

Con estas dúas actuacións, a Xunta de Galicia continúa a súa aposta decidida pola mellora das infraestruturas deportivas da cidade de Ourense. Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte tamén traballa na creación do novo parque acuático do complexo deportivo de Monterrei no que se prevé un investimento de 9 millóns de euros.