Axudas Economicas

A Xunta xa recibiu 418 solicitudes de axudas de pemes e autonomos

Lembran que a volta á actividade deste sector e do resto de industrias non esenciais debe ser en condicións de máxima seguridade para os traballadores

Óscar Gómez

Ourense | 07.04.2020 09:02 (Publicado 07.04.2020 09:01)

Francisco Conde, e Ethel Vázquez, mantiveron unha videoconferencia con representantes da Federación Galega da Construción
Francisco Conde, e Ethel Vázquez, mantiveron unha videoconferencia con representantes da Federación Galega da Construción | xunta de galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron un encontro con representantes da Federación Galega da Construción e das asociacións provinciais no que se puxo de relevo que as medidas económicas activadas pola Xunta buscan que, unha vez se supere o Covid-19, a recuperación do tecido empresarial sexa o máis rápida posible. Neste sentido, Conde salientou que a nova liña para inxectar liquidez a autónomos e pemes recibiu desde a súa activación o pasado xoves 418 solicitudes para préstamos por un valor total de máis de 34 millóns de euros.

Na reunión, celebrada por videoconferencia, sinalouse tamén a importancia de que a volta á actividade tanto da construción como do resto de sectores considerados non esenciais, unha vez rematado o permiso retribuído fixado polo Goberno, se produza en condicións de máxima seguridade para os traballadores.

Ademais, Conde fixo fincapé na importancia para a economía galega da construción, un sector no que desenvolven a súa actividade máis de 75.000 traballadores, dos cales 26.000 son autónomos, e sinalou que a formación vai ser clave cando a reactivación sexa total e se poida volver traballar con normalidade. Así, lembrou que a Xunta segue reclamando unha rectificación por parte do Goberno e “reverter a decisión unilateral de confiscar 100 millóns de euros destinados á formación en Galicia”, pechando oportunidades a traballadores de todos os sectores. En concreto, no sector da construción foron 500 persoas as que participaron o ano pasado nos diferentes cursos que este ano non se poderán convocar.

Así mesmo, reiterouse que o Goberno debe ter a máxima sensibilidade coas familias afectadas por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) e pagar as prestacións por desemprego a medida que os expedientes se vaian resolvendo.