Cultura

Últimos días para presentar traballos ao XVI Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración

O certame, convocado pola Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros e o prazo de presentación remata o día 20 de maio de 2019

Óscar Gómez

Ourense |

Pura y Dora Vázquez | Faro de Vigo

O día 20 de maio remata o prazo para presentar traballos para o XVI Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. Ao certame poderán presentarse autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega.

As obras presentadas terán temática libre e serán adaptadas ao público infantil ou xuvenil, sendo os textos presentados inéditos, totalmente orixinais e deberán cumprir as seguintes características: terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100, formato A4, escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman cun tamaño de letra de 12 puntos e interliñado 1,5.

A presentación das obras deberá realizarse do seguinte xeito: de maneira presencial, entregando un exemplar da obra en sobre pechado indicando no seu exterior “Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración”, na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros; ou ben remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado indicando o mesmo no seu exterior ao enderezo do Rexistro Xeral da Deputación de Ourense (rúa Progreso, 32. 32003-Ourense). No caso de que as obras se remitan por correo certificado deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense, unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal.

Asemade, as obras que se remitan terán que ir asinadas exclusivamente con pseudónimo e dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior deberá incluír o título da obra, nome e apelidos, pseudónimo do autor, enderezo postal e electrónico, teléfono e número de DNI. Os interesados en participar no certame teñen de prazo para presentar os orixinais ata o 20 de maio de 2019.

O xurado estará composto polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa na que delegue, e por catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da cultura de Galicia, actuando como secretaria, con voz pero sen voto, a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación. Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura e Deportes e Mocidade da Deputación a proposta dos grupos políticos da Corporación.

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade de obras literarias para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

As bases do certame foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, nº 92, do martes, 23 de abril de 2019.