Federación de comercio

Primer escaparate do Comercio Ourensán, esta fin de semana en Expourense

Contribuirá a poñer en valor a calidade do comercio provincial e está organizado pola Federación de Comercio de Ourense coa colaboración da Xunta de Galicia

Óscar Gómez

Ourense |

Presentación ven a coñecer o noso comercio | ceo

O 1º Escaparate do Comercio Ourensán nace co obxectivo de dinamizar o tecido comercial da provincia de Ourense poñendo en valor a calidade e variedade do sector, segundo se puxo de manifesto na presentación da iniciativa por parte da presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez Valcárcel, que estivo acompañada do vicepresidente executivo de Expourense, Jorge Pumar; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, e a concelleira de Comercio do concello de Ourense, María del Mar Fernández Dibuja. Gómez Valcárcel engadiu que “se trata dunha cita organizada pola Federación de Comercio contando co apoio da Xunta de Galicia e celebrarase esta fin de semana, sábado 5 e domingo 6 de outubro, no recinto feiral de Expourense, que colabora con esta cita achegando a loxística e o espazo”

Todos os representantes institucionais ofreceron o seu apoio incondicional a este evento co que os comerciantes tentan facer labor de promoción para convencer ós cidadáns que se convirtan en consumidores do comercio de proximidade. Tanto o vicepresidente de Expourense, como o da Deputación e a concelleira de Comercio de Ourense amosaron tamén o seu respaldo institucional para un sector que consideraron “clave” na vida socioeconómica de Ourense.

Esta cita contará coa presenza de expositores onde destacará a oferta en téxtil, calzado, decoración e ferraxería, unha boa oportunidade para preparar o armario e o fogar de cara ao outono. O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como este escaparate buscan dinamizar as vendas das empresas locais e captar novos clientes fora da súa área de influencia habitual.

Para complementar a visita e pensando en ofrecer unha xornada que conxugue as compras co lecer, a Federación de Comercio ten deseñado un completo programa de

actividades que inclúe, entre outras cousas, animación musical (de 16.00 a 21.00 horas) e degustación de produtos a partir das 18.00 horas. Un dos puntos fortes deste evento será a pasarela de moda prevista para o sábado 5 ás 17.00 h.

Este primeiro Escaparate do Comercio Ourensán será tamén o lugar elixido para gozar dunha xornada en familia, xa que contará cun área de animación infantil con inchable e obradoiros para nen@s de maquillaxe, tatuaxes ou xogos.

O horario deste escaparate será o sábado 5 de outubro de 11.00 a 21.00 h. e o domingo de 11.00 a 20.00 h., de xeito ininterrompido. Esta cita dispón dunha entrada solidaria cun custo de 1 euro que irá integramente destinado á Asociación Española Contra o Cancro e dirixido á investigación do cancro de mama.