Ourense Cidade

Ourense en Común chama á sociedade ourensá a mobilizarse contra o pelotazo urbanístico do P.P.

Martiño Xosé Vázquez interpela ao Colexio de Arquitectos e resto de Colexios Profesionais, ás Federacións e Asociacións veciñais a manifestarse públicamente. “Estámonos a xogar o futuro de Ourense"

Óscar Gómez

Ourense | 03.05.2019 08:13

Martiño Vazquez
Martiño Vazquez | Ourense en comun

Desde o grupo sinalan novamente aos “cambiazos” introducidos no PXOM polo PP, que ademais “secuestrou o debate ao pleno, e aproba o documento con dous informes contrarios da secretaría e da intervención municipal”, concluíndo que “o proceder do PP só responde ao interese da especulación inmobiliaria”, e advirten que “imos esgotar a vía administrativa, e se fose necesario chegaremos á vía xudicial”.

Martiño X. Vázquez explica que o plan do PP “merma as zonas verdes, aumenta o aproveitamento lucrativo do chan e reduce as cargas aos promotores”, e conclúe que “ten tantas modificacións que o único camiño posible para a súa aprobación con lexitimidade e seguridade xurídica pasa por unha nova exposición pública e a súa posterior aprobación no pleno. Non podemos consentir que os mesmos que fixeron caer o PXOM de 2003 poñan en perigo de novo o futuro desta cidade”.

Martiño Xosé Vázquez, candidato á alcaldía por Ourense en Común, facía esta mañá un chamamento a toda a sociedade civil ourensá, para manifestarse“contra o pelotazo urbanístico”, logo de que o Partido Popular veña de aprobar provisionalmente en Xunta de Goberno o Plan Xeral de Ordenación Municipal,“nos minutos de desconto, cometendo falta e tapándolle os ollos aos árbitros”.

Martiño X. Vázquez solicitaba aos medios “que ampliedes a nosa voz para que toda a sociedade civil de Ourense se posicione públicamente contra este pelotazo urbanístico”, apelando nomeadamente ao Colexio de Arquitectos, e a todos os Colexios profesionais con sede en Ourense, ás Federacións Miño e Limiar, ás asociacións veciñais, colectivos, e a todas as entidades sociais, sindicais e políticas, porque “estámonos a xogar o futuro de Ourense das próximas décadas”.