Este 1 de xullo entrou en vigor a nova normativa reguladora das Tarxetas Milenio para a terceira idade e pensionistas, aprobada polo Pleno do Concello, pola que só se expedirán estas tarxetas para viaxar gratuitamente no servizo de autobuses urbanos ás persoas solicitantes cuxos ingresos sexaN inferiores ao 150% do Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM).
Con esta medida, o Concello dá aplicación ao acordo probado polo Pleno do Concello que decidiu modificar o réxime das tarxetas de uso gratuíto dos autobuses municipais en doUs termos: establecer a gratuidade para tódalas persoas desempregadas e condicionar a dos pensionistas e terceira idade aos ingresos económicos.
Así, dende agora, as persoas que desexen obter unha Tarxeta Milenio das modalidades Terceira Idade ou Pensionista (ou renovar a que teñan en caso de caducidade) deberán achegarse ao Concello, e presentar por Rexistro un escrito (que poden obter no Concello ou a través da web) no que autorice aos técnicos municipais a recabar datos tributarios para constatar se os seus ingresos superan o 150% IPREM.
Unha vez feita esta comprobación, os técnicos expedirán un certificado e chamarán por teléfono á persoa solicitante para comunicarlle que pode recoller o documento no Concello ou recibilo por correo. Tamén solicitarán no Concello o certificado acreditativo de que a persoa leva empadroada en Ourense cunha antigüidade mínima de 6 meses.
Con estes documentos, copia do DNI e fotografía, (máis documento expedido pola entidade ou organismo pagador que acredite a condición de pensionista ou xubilado, de ser o caso), a persoa solicitante acudirá ás oficinas de ABANCA (antiga Novagalicia Banco), para solicitar a tarxeta.
Esta medida afectará ás novas tarxetas e á renovación daquelas que vaian caducando, xa que as actualmente vixentes seguirán sendo válidas ata que remate a súa vixencia. As persoas que alcancen ou superen o nivel de ingresos definido (150% do IPREM) non obterán tarxetas Milenio para viaxar gratuitamente nos autobuses urbanos pero, como as demais persoas, poderán solicitar as Tarxetas Milenio ordinarias (0,62 euros por viaxe).