Alimentación

A Xunta promociona o consumo de productos alimentarios galegos

José González destacou que a cidadanía é máis estrita co que consome e tamén está máis concienciada en axudar aos produtores galegos

Óscar Gómez

Ourense | (Publicado 09.06.2020 08:50)

Os conselleiros do Medio Rural e do Mar achegáronse ao hipermercado Eroski de Noia para comprobar a implantación da campaña de posta en valor destes produtos
Os conselleiros do Medio Rural e do Mar achegáronse ao hipermercado Eroski de Noia para comprobar a implantación da campaña de posta en valor destes produtos | xunta de galicia

Os conselleiros do Medio Rural, José González, e do Mar, Rosa Quintana, achegáronse ao hipermercado Eroski de Noia para comprobar a implantación da campaña de posta en valor dos produtos alimentarios galegos do grupo Vegalsa-Eroski. Alí agradeceron o apoio que vén mostrando esta cadea de distribución cos produtos galegos do agro e do mar e, por ende, cos produtores do sector primario de Galicia.

Neste senso, José González destacou que, co paso do tempo, a cidadanía é máis estrita co que consome e tamén está máis concienciada en axudar aos produtores galegos. De aí, sinalou, a necesidade de promocionar os produtos da nosa comunidade, os autóctonos, que tanto esforzo e traballo lle dedica o sector do agro e do mar ao longo de todo o ano e que estivo ao pé do canón durante a emerxencia sanitaria.

Por iso, o titular de Medio Rural subliñou que a canle Mercaproximidade serviu precisamente para botarlle unha man a este eido produtivo e, de paso, facilitarlle tamén aos propios consumidores a compra de produtos de gran calidade. Nesta liña, José González aproveitou tamén para agradecerlle ao grupo Vegalsa-Eroski a súa adhesión á iniciativa, xunto con outros nove grupos, e que permitiu dar saída aos produtos de pequenos agricultores e gandeiros que tiñan pechadas as súas canles habituais de venda, como foi a canle Horeca e os mercados ao aire libre, que pouco a pouco retoman a súa actividade.

Ademais, o conselleiro lembrou que a través do cancelo #VoudeSúperFeirón, extendido ás redes sociais como #FeirónNaCasa, que a Xunta activou precisamente para promocionar os alimentos de Mercaproximidade, estes produtos teñen unha doada identificación por parte dos consumidores nos liñais dos establecementos adheridos. “Mercar produtos galegos é asegurarse de mercar calidade”, destacou José González.

Así mesmo, o conselleiro quixo poñer en valor outra das ramificacións desta rede Mercaproximidade: a da solidariedade. Neste senso, José González lembrou que a Xunta está a mercar numerosos produtos agroalimentarios para cederlles a hospitais, comedores e outras entidades sociais co fin de axudar á poboación máis vulnerable e, de paso, ao sector agrogandeiro galego.

Pola súa parte, a conselleira do Mar destacou o importante papel das cadeas de distribución como Vegalsa-Eroski dentro da campaña ‘Merca produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco’, desenvolvida polo Executivo autonómico para promocionar o consumo dos produtos do mar e recoñecer o importante labor realizado polo sector extractivo desde que comezou a alerta sanitaria para ofrecer produtos de calidade á sociedade. Nesta liña fixo fincapé na importancia de permanecer xuntos no mesmo barco para impulsar a demanda e os prezos dos produtos pesqueiros e para que a frota poida desenvolver a súa actividade en condicións de rendibilidade a pesar das dificultades derivadas da alerta sanitaria pola covid-19.

Ademais Rosa Quintana lembrou que adquirir produtos do mar galego nestes momentos supón apoiar ás lonxas e ás mulleres e homes que saen ao mar, ás praias ou ás bateas cada xornada deste período de estado de alarma e que poñen no mercado distintos produtos do mar de gran calidade que aportan, entre outros beneficios saudables, a vitamina D necesaria na dieta.

A titular de Mar tamén insistiu na importancia de promover o consumo de peixe e marisco entre a xuventude, obxectivo da iniciativa Vai de Peixe, destinada aos millennials galegos e que se reformulou e adaptou ás circunstancias derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus con actividades novas e vinculadas coa difusión do mar e o consumo dos seus produtos. Finalmente, os conselleiros animaron aos presentes a compartir nas redes sociais as receitas elaboradas con produtos galegos, baixo os cancelos de #FeirónNaCasa e de #Vaidepeixe, co fin de seguir promocionando a gastronomía galega, un dos principais motivos que teñen os turistas para achegarse á nosa comunidade.