Cooperación

A Xunta entrega material para mellorar a resposta fronte as nevaradas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entregou 9 coitelas quitaneves ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil dos municipios de O Bolo, A Mezquita, Parada de Sil, Riós, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, A Veiga, Viana do Bolo e A Mancomunidade Terra de Celanova.

As axudas enmárcanse no esforzo da Xunta para dotar aos servizos de emerxencias da comunidade do material necesario que lles permita levar a cabo as súas intervencións con seguridade, con case 20 millóns de euros investidos nos últimos anos destinados ás AVPC e aos GES.

Óscar Gómez

Ourense | 09.11.2021 12:13

A Xunta entrega material para mellorar a resposta fronte as nevaradas
A Xunta entrega material para mellorar a resposta fronte as nevaradas | onda cero

A Xunta reforza así o equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos municipios ourensáns de O Bolo, A Mezquita, Parada de Sil, Riós, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, A Veiga, Viana do Bolo, así como da Mancomunidade Terra de Celanova. Estes municipios foron beneficiarios o ano pasado da orde de axudas para equipamentos de emerxencias, dotada con 932.400 euros para a distribución de material de emerxencias ás agrupacións da comunidade. Deste importe, case 80.000 euros destinase á adquisición de 12 coitelas quitaneves -as 9 entregadas hoxe en Ourense e outras 3 para os municipios lucenses de Negueira de Muñiz, Ourol e Xermade- cun custo de máis de 6.600 euros cada unha.

Os concellos adxudicatarios destas coitelas están incluídos no Plan Nega (Plan de Nevaradas de Galicia) que teñen unha altitude media por enriba dos 500 metros e resultan ser os mais castigados por xeadas e nevadas, o que fai moi necesario este material para manter a viabilidade nas vías de comunicación de titularidade municipal. Desde 2015 a Xunta achegou máis de 439.000 euros no que se refire a material de emerxencias específico para actuar ante nevaradas coa entrega de 18 coitelas quitaneves, 3 cuñas e 62 esparexedores de sal.

A Xunta continua a dotar do material necesario aos servizos de emerxencias de concellos e mancomunidades de menos de 50.000 habitantes e destina máis dun millón de euros á convocatoria deste ano co obxectivo de reforzar o seu equipamento. A través desta nova orde cederanse 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, seis remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, oito coitelas para a retirada de neve e oito esparexedores de sal.

Esta orde de axudas enmárcase no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar e reforzar os medios de emerxencias dos municipios da comunidade, cun investimento de case 20 millóns de euros cos que equipar ás AVPC e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).

No caso das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, a Xunta leva investidos 15 millóns de euros, entre os 11 millóns en equipamento e outros 4 millóns para o seu mantemento ao abeiro da orde de axudas anual coa que o Goberno galego apoia os seus gastos de funcionamento e que este ano contará cunha partida de 340.000 euros.

O director xeral de Emerxencias e Interior considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten con recursos para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento. Tamén sinalou o imprescindible labor dos voluntarios destas agrupacións complementando aos servizos de emerxencias municipais e nos operativos levados a cabo durante a pandemia do coronavirus.