Cooperación

A Xunta doa mais de 45 Toneladas de productos do agro

As cesións, que comezan hoxe, inclúen patacas, ovos, mel, queixos e numerosas pezas de carne de cabrito, cordeiro, porco celta e Ternera Gallega

Óscar Gómez

Ourense | 13.05.2020 08:43 (Publicado 13.05.2020 08:42)

Entrega de alimentos o Banco de Alimentos
Entrega de alimentos o Banco de Alimentos | xunta de galicia

A Consellería do Medio Rural inicia hoxe unha serie de entregas ao Banco de Alimentos de Ourense que sumarán máis de 45 toneladas de produtos agroalimentarios doados ao abeiro de Mercaproximidade. As primeiras cesións foron supervisadas polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, quen se desprazou ata o concello ourensán do Pereiro de Aguiar con esta finalidade. En concreto, o Goberno galego cederá para abastecer as familias máis vulnerables de Ourense 30 toneladas de patacas, 250 quilos de mel, 800 queixos, 800 ducias de ovos e case 16 toneladas de carne de cabrito, cordeiro, porco celta e Ternera Gallega.

Esta nova compra de alimentos con fins sociais no marco da canle alternativa de comercialización creada pola Consellería do Medio Rural engádese ás numerosas feitas ata o momento polo Goberno galego, como a destinada ao Banco de Alimentos de Lugo para que distribuíse un total de 100 toneladas de patacas nas sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade hai que engadir outras 30 toneladas cedidas por un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

A Xunta tamén doou diversos produtos agroalimentarios a outras entidades sociais para atender os colectivos máis desfavorecidos durante a emerxencia sanitaria, así como aos hospitais galegos, para que puidesen confeccionar os seus menús con producións de proximidade e de calidade diferenciada.

A adquisición de produtos agrogandeiros galegos por parte do Goberno galego no marco da rede Mercaproximidade ten como fin último axudar aos produtores

afectados polo peche da hostalaría e a restauración, así como pola suspensión dos mercados locais ata o pasado luns 4 de maio.

Dende a posta en marcha desta nova fórmula de venda o 15 de abril, máis de 450 industrias transformadoras e produtores adheríronse como provedores a Mercaproximidade. Da banda da distribución, colaboran a práctica totalidade das cadeas que operan en Galicia: Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -cos seus establecementos Eroski e Familia-, El Corte Inglés -cos establecementos Hipercor e Supercor-, Carrefour -cos seus centros Carrefour e Carrefour Market-, Grupo Cuevas -cos seus supermercados Plenus, Aquié e Aquí-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA.

A iniciativa permanece aberta, tanto ás cadeas como ás empresas que subministran a colectividades e ás plataformas de venda online. O obxectivo primordial é garantir o futuro das explotacións galegas para contribuír ao futuro do noso rural.