Medio Ambiente

A Xunta asesora ás empresas galegas do sector agroalimentario para minimizar o impacto do Brexit

Fernando Guldrís destaca que coa creación da Oficina Brexit a Administración autonómica reforza as medidas de apoio ao tecido produtivo con intereses comerciais no Reino Unido

Óscar Gómez

Ourense | 12.02.2021 12:01

A Xunta asesora ás empresas galegas do sector agroalimentario para minimizar o impacto do Brexit
A Xunta asesora ás empresas galegas do sector agroalimentario para minimizar o impacto do Brexit | onda cero

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na xornada dixital Brexit: impacto aduaneiro, efectos fiscais e medidas de apoio ás empresas, organizada pola Xunta en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co obxectivo de dar apoio ás empresas con intereses comerciais no Reino Unido e analizar as implicacións da saída deste país da Unión Europea en materia de impostos –especialmente no referente ao Imposto sobre o Valor Engadido (IVE)– e aduanas.

Na súa intervención, o director do Igape puxo de relevo o esforzo que están a facer as compañías para coñecer e adaptarse aos novos requisitos relacionados coas vendas e compras de produtos no Reino Unido, o cuarto destino mundial en importancia para as exportacións galegas. Lembrou que, para contribuír a que esta posición relevante se siga a manter e que as empresas sufran o menor prexuízo, o Goberno galego vén de reforzar as medidas de apoio ao tecido produtivo coa creación da Oficina Brexit.

Guldrís salientou que este programa, destinado tanto ás empresas que comezan a comerciar neste destino como as que xa contan cunha longa traxectoria e experiencia internacional, inclúe cinco servizos: as axudas do Cheque Brexit, unha nova antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico que xa está en funcionamento, o Brexit Igape Responde e diferentes medidas de información e formación, entre as que se atopan a xornada celebrada hoxe.

Sobre a primeira das liñas, o Cheque Brexit, explicou que está dotada dun millón de euros e que o seu obxectivo é facilitar que as empresas poidan dispor de servizos de consultoría para a elaboración de diagnósticos empresariais e plans de continxencia que permitan minorar os efectos negativos que poida supor o cambio nas relacións comerciais co Reino Unido. As empresas interesadas poden solicitar as axudas deste programa ata o 17 de maio e os apoios poderán cubrir ata o 80% do gasto de consultoría que realice cada compañía.

A Oficina Brexit contempla a apertura en Londres da Antena Brexit, que ofrecerá un servizo de asesoría integral, e segue en funcionamento a plataforma de avaliación en liña activada en marzo de 2019 que permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto dos cambios producidos pola saída do Reino Unido da Unión Europea e adoptar as medidas necesarias para convertelo nunha oportunidade.

Ademais, as empresas interesadas poderán acceder a través do enderezo de correo brexitgalicia@igape.es ao Brexit Igape Responde, un servizo de atención personalizada que atenderá consultas e dúbidas e facilitará apoio para canalizar as necesidades do tecido empresarial cara o resto de medidas dispoñibles.

O encontro celebrado hoxe contou coa presenza de expertos en servizos legais e fiscais, que ofreceron as claves principais dos cambios provocados polo Brexit neses eidos, como poden afectar ás empresas exportadoras e importadoras, as consecuencias nas prestacións de servizos a ese país, a especial situación nas relacións con Irlanda do Norte, os impostos especiais e a devolución do IVE soportado.

As exportacións galegas ao Reino Unido

Segundo os últimos datos dispoñibles, entre xaneiro e novembro do pasado ano, das 6767 empresas galegas exportadoras, un total de 505 venderon os seus produtos ao Reino Unido, por valor de preto de 1214 millóns de euros. Mentres, o número de empresas exportadoras regulares neste destino –é dicir, aquelas que exportaron durante catro anos consecutivos– acadou as 311.

Sobre os sectores e as vendas ao país británico, destacan a automoción, o téxtil e a moda, a alimentación e a industria metalmecánica como os catro ámbitos produtivos con maior nivel de exportacións.