Turismo

A Xunta aposta pola dinamización turística da provincia de Ourense

A Xunta apoia o Trail do Xurés, que se disputará en Muiños este sábado, organizado no marco do convenio asinado co Inorde para a dinamización, promoción e fomento do turismo deportivo na provincia.

Óscar Gómez

Ourense | 21.09.2021 09:54

A Xunta aposta pola dinamización turística da provincia de Ourense
A Xunta aposta pola dinamización turística da provincia de Ourense | onda cero

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou na presentación do Trail do Xurés a aposta da Xunta pola dinamización turística da provincia de Ourense a través de eventos deportivos coma este, organizados no marco da colaboración entre o Goberno galego e o Inorde.

Nava Castro participou no acto xunto co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Muiños, Plácido Álvarez, para presentar esta competición deportiva, que se celebrará este sábado, 25 de setembro, en Muiños. “Eventos deportivos coma este serven para seguir desestacionalizando a oferta turística da provincia, a través da posta en valor dos seus recursos turísticos e do seu potencial como sede para acoller competicións deportivas de todo tipo, que representan tamén un pulo para os sectores económicos de proximidade”, explicou Nava Castro.

O Trail do Xurés é unha das competicións deportivas que a Xunta apoia a través do convenio asinado co Inorde por valor 62.500 euros e que inclúe diferentes actividades encamiñadas á dinamización, promoción e fomento do turismo en Ourense, entre as que se encadra o apoio á promoción dos recursos turísticos da comunidade galega e a provincia ourensá ademais de diferentes campionatos e eventos vencellados co ciclismo e cos deportes náuticos na provincia.