Infraestructuras

A Xunta adxudica as obras do CHOU por preto de 48 millóns de euros

O proxecto prevé tres intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización, a reforma do Hospital Materno Infantil e a mellora de accesos.

Óscar Gómez

Ourense | 26.01.2022 12:23

A Xunta adxudica as obras do CHOU por preto de 48 millóns de euros
A Xunta adxudica as obras do CHOU por preto de 48 millóns de euros | onda cero

A Xunta adxudica por preto de 48,3 millóns de euros as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. As actuacións, adxudicadas á UTE: S.A. DE OBRAS Y SERVICIOS, COPASA-PUENTES Y CALZADAS INFRAESTRUCTURAS, SLU, terán un prazo de execución de 40 meses. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé asinar o contrato a finais de febreiro co obxectivo de iniciar as obras a continuación.

Estas intervencións, que estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER, prevén tres intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a reforma do actual Hospital Materno Infantil e a mellora de accesos. En relación ao novo edificio de hospitalización e ambulatorio terá unha imaxe coherente co edificio construído en 2017, constando de 12 plantas e dispoñéndose entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

Estas instalacións, desde o andar -2 ata o segundo, destinaranse a usos fundamentalmente ambulatorios, e desde a terceira ata a novena, a hospitalización. Para a construción deste edificio será necesario realizar unha serie de obras previas, así como habilitar novos núcleos de comunicación. Así, modificarase a rasante da vía interior do CHUO e demoleranse elementos obsoletos como pasarelas, escaleiras ou unha franxa de 4 metros do andar cero do Hospital Cristal na súa fachada posterior.

Como reforzo aos núcleos de comunicación vertical, executarase un novo núcleo vertical no nexo de unión do antigo edificio de hospitalización e o central. Tamén se acometerá a remodelación interna no edificio de hospitalización existente para adaptar o núcleo de escaleiras actual. Ademais, desenvolverase a comunicación de urxencias co novo edificio en andar cero.

No que se refire á reforma do Hospital Materno Infantil, será unha actuación integral que permitirá a súa posta en valor, conservándose tan só a súa estrutura. No soto -2 do novo edificio situaranse os vestiarios; no -1, a área de radioloxía; e no andar baixo situaranse as urxencias pediátricas e obstétricas no edificio materno, mentres que se sitúa un segundo nivel de radioloxía no novo edificio.

No primeiro andar estarán as área de obstetricia, xinecoloxía, tanto cirúrxica como ambulatoria, e o paridoiro; no segundo, a UCI pediátrica no materno, e as consultas de pediatría no novo edificio. O nivel 3 destinarase totalmente a hospitalización pediátrica, separando os nenos menores de dous anos no antigo materno e os maiores no novo edificio. O nivel 4 estará dirixido á hospitalización obstétrica nas dúas ás, e os niveis do 5 ao 9 á hospitalización convencional. O nivel 10 empregarase para diversas instalacións.

Novos servizos

Estas actuacións permitirán dotar dunha área pediátrica con 38 camas, incluíndo 14 habitacións individuais para menores de dous anos (lactantes), con berce e cama para acompañante. Haberá dous vestiarios con duchas para os pais, comedor, sala de estar con xogos, Cyberaula con postos informáticos e salas de televisión e lectura.

As instalacións tamén albergarán área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; zona de urxencias pediátricas e urxencias obstétricas, con salas de espera, consultas, 5 unidades para partos e 2 quirófanos.

Estas obras permitirán tamén acadar unha área de radioloxía con 3 salas de TAC, 4 de ecografía, 3 de radioloxía xeral dixital, 3 salas de mama e 2 de radioloxía xeral, sumadas ás 2 resonancias magnéticas existentes no edificio Cristal. Ademais, as intervencións proxectadas posibilitarán a hospitalización obstétrica, con 56 camas; e a convencional, con 280 camas