Eleccións 23 Xullo

Rego: “Ourense precisa dun BNG con máis forza en Madrid, con Noa Presas no Congreso”

Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense ao Congreso, pon en valor o intenso labor do deputado nacionalista durante esta lexislatura: “sen ser electo por Ourense, defendeu máis os intereses de Ourense que os deputados de PP e PSOE”.

Óscar Gómez

Ourense | 30.06.2023 07:50

Rego: “Ourense precisa dun BNG con máis forza en Madrid, con Noa Presas no Congreso”
Rego: “Ourense precisa dun BNG con máis forza en Madrid, con Noa Presas no Congreso” | onda cero

A candidata do BNG por Ourense ao Congreso, Noa Presas, puxo en valor o “intenso traballo” realizado por Néstor Rego durante a XIV Lexislatura defendendo os intereses de Ourense no Congreso. “Fixo moito máis Néstor Rego por Ourense, a pesar de non ser electo por esta circunscrición, que os deputados de PP e PSOE escollidos nas pasadas eleccións” subliña Presas.

a única forza que defende os intereses de Ourense é o BNG

De facto, segundo lembrou a candidata, moitos deles “levan 23 anos no Congreso e non fixeron nada para mudar a situación de abandono en que se atopa Ourense”. Neste contexto, Noa Presas chama a cidadanía a apostar por confiar no BNG nas vindeiras eleccións: “é hora de apostas polas forzas propias, as receitas do bipartidismo clásico non funcionan en Ourense, fagamos que formen parte do pasado”.

“Se algo quedou claro durante esta lexislatura é que a única forza que defende os intereses de Ourense é o BNG e que, un BNG forte e determinante, cun voto decisivo no Congreso, pode conseguir que o Goberno do Estado atenda as necesidades de Ourense” proclama o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e cabeza de lista por Coruña. Neste sentido, Rego sinala que a frente nacionalsita neste proceso electoral renova o seu compromiso coa cidadanía galega para actuar en tres ámbitos fundamentais: “defender os intereses da Galiza, impulsar políticas sociais avanzadas e frear a dereita e a ultradereita”.

Superar a discriminación que sofre Ourense

O portavoz do BNG no Concello de Ourense, Luis Seara, lembra as numerosas iniciativas rexistradas durante esta lexislatura no Congreso co obxectivo de superar a discriminación histórica que sofre Ourense por parte dos sucesivos gobernos do Estado. “Da igual que estivese PP ou PSOE, o resultado sempre foi o mesmo para esta parte do País: déficit sobre todo en infraestruturas, a comezar polas ferroviarias” denuncia Seara. Exemplifica o traballo incansábel de Néstor Rego nas numerosas iniciativas rexistradas para que o Goberno do Estado cumpra o seu compromiso de mellorar a permeabilidade urbana das rúas Ramón Puga e Tarascón.

“Conseguimos, con moita presión, que na bonificación para usuarios recorrentes tamén se incluíra o AVANT que conecta Ourense coas cidades de Santiago e A Coruña, xa que nun primeiro momento o Goberno do Estado excluía a esta parte do País” destaca o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. Mais, pola contra, tamén sinala que o executivo estatal e, no concreto, o MITMA continúa negando unha rebaixa no prezo dos billetes desta liña, así como unha adecuación dos horarios e o aumento de frecuencias ou a dotación de novo material rodante para implantar o servizo de cercanías ferroviarias que conectase Ourense con Amoeiro, O Carballiño, Ribadavia, Maside, etc.

En materia ferroviaria, continúa Rego, tamén reclamaron –a través de emendas aos Orzamentos do Estado e iniciativas para o seu debate- a reformulación do proxecto da Estación Intermodal, así como a elaboración dun estudo informativo para coñecer a viabilidade da variante de Mondariz que permita a conexión de alta velocidade entre Ourense e Vigo.

“Demandamos a reposición e acondicionamento do paso elevado en San Cibrao, previsto inicialmente no proxecto de actuacións complementarias da liña de alta velocidade no tramo Taboadela Ourense. Tamén levamos ao Congreso as demandas da veciñanza de Peliquín polo paso a nivel con barreiras para que o MITMA tivese en conta as alegacións presentadas e revisase o proxecto e permitise a comunicación viaria e peonil” engade o deputado do BNG no congreso.

E, se falamos de infraestruturas, o deputado nacionalista salienta as diversas iniciativas para arranxar ou mesmo completar infraestruturas viarias que son estratéxicas para Ourense. “O arranxo das N-525 e N-541 para a mellora da seguranza viaria ou a finalización da A-56 foron algunhas das nosas demandas que o Goberno do Estado rexeitou sistematicamente, mesmo tamén unha rebaixa nas peaxes da AP-53” salienta.

Alén do máis, unha cuestión fundamental foi o saneamento integral dos ríos Loña e Barbaña xa que “son ríos altamente contaminados debido as constantes verteduras dos polígonos industriais próximos”.