Concello de ourense

O Psoe presenta iniciativas para solicitar a dimisión de Jácome

Consideran que o alcalde de Ourense “non pode seguir un minuto máis ao fronte do goberno municipal” e esíxenlle ó PP que “deixe de amparar este tipo de condutas violentas das que son responsables”

Óscar Gómez

Ourense | 04.05.2022 13:18

O Psoe presenta iniciativas para solicitar a dimisión de Jácome
O Psoe presenta iniciativas para solicitar a dimisión de Jácome | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense presentará iniciativas no Concello, Deputación e Parlamento de Galicia para solicitar a dimisión inmediata do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ante a “gravidade” dos feitos acontecidos o pasado 3 de maio, cando no transcurso dunha manifestación nas portas do Concello, golpeou a unha muller sindicalista. Os e as socialistas presentarán unha moción pola vía de urxencia para o seu debate na sesión plenaria do Concello de Ourense deste venres, na que tamén instan a toda a corporación municipal a condenar “rotundamente” a agresión do alcalde de Ourense e trasladarlle todo o “apoio” á agredida.

Os socialistas consideran que o alcalde de Ourense “non pode seguir un minuto máis ao fronte do goberno municipal”, despois da súa “brutal” agresión a unha sindicalista que se manifestaba nas portas do Concello de Ourense en defensa dos dereitos e melloras laborais dos traballadores e traballadoras da empresa concesionaria do transporte urbano. Dende o PSdeG-PSOE esíxenlle ao PP que “deixe de amparar este tipo de condutas violentas e que retire de xeito inmediato o seu apoio ao rexedor, co que gobernan conxuntamente tanto na cidade como a nivel provincial na Deputación”.

Dende o Grupo Municipal Socialista instan á corporación municipal a trasladar o “total apoio” aos 126 traballadores e traballadoras do servizo de transporte urbano de Ourense, na defensa dos seus dereitos e melloras laborais, así como na reivindicación dos mesmos. Tamén piden na moción que a corporación municipal lle solicite ao goberno municipal que exerza unha mediación “urxente” coa empresa concesionaria e os representantes dos traballadores e traballadoras co obxectivo de “acadar unha solución ao conflito, no que se garanta a mellora das condicións laborais das persoas e se poña fin a situación de folga indefinida, que repercute na veciñanza de Ourense”.

A nivel parlamentario, os e as socialistas veñen de presentar unha batería de iniciativas para que o Parlamento de Galicia e todas as forzas políticas aló presentes “reproben e condenen” a conduta do alcalde de Ourense, despois de esta agresión. Pídenlle a Alfonso Rueda e a Núñez Feijóo que deixen de “sustentar un goberno municipal cunha persoa ao fronte que opta pola violencia en lugar do diálogo e que non é un digno representante, nin está á altura do que a terceira cidade de Galicia precisa”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que co sucedido onte “deuse un paso máis, cunha diferencia cualitativa, ao tratarse dunha agresión a unha persoa que estaba exercendo a súa labor lexitimamente establecida” e sinalou que “non se pode consentir baixo ningún concepto este tipo de comportamentos violentos”. O secretario provincial dos socialistas ourensáns tamén fixo fincapé en que “se fose doutro partido político, esa persoa xa non estaría agora mesmo ao fronte do partido político e das súas responsabilidades como alcalde”.

Villarino tamén quixo por foco en que “quen ampare este xeito de actuar, non só é cómplice, senón tamén responsable do que está acontecendo, por moito que intenten negalo” e apuntou tamén, en clara referencia ao Partido Popular, que “os responsables de que goberne Jácome son os responsables do que pasou onte, porque son os que o sustentan no poder”.

Pola súa banda, a vicevoceira no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, sinalou que a agresión de onte “é gravísima e esixe unha rotunda condena por parte das forzas políticas e da sociedade”. A secretaria local dos socialistas na cidade de Ourense tamén quixo amosar todo o seu apoio á sindicalista agredida, Lola Panero, afirmando que “Lola Panero somos todos e todas, xa que isto é un acto máis da violencia que leva exercendo o alcalde nesta cidade nos últimos anos, pero ten que ser o episodio definitivo”.

González Beneitez tamén destacou que “queremos pedir o apoio e respaldo aos 126 traballadores e traballadoras que forman parte da empresa de transporte urbano e que defenden lexitimamente os seus dereitos e melloras laborais”. Neste senso, manifestou que “queremos un goberno municipal que non agrida e que medie e busque solucións, garantindo as melloras das persoas porque, en este caso, está máis claro que nunca que o que se pide é totalmente necesario e os únicos culpables da situación son o PP e Jácome”.

A parlamentaria autonómica do PSdeG-PSOE de Ourense, Marina Ortega Otero, sinalou que “temos que blindar a calidade democrática e para elo levaremos iniciativas ao Parlamento de Galicia pedindo un acordo unánime para reprobar este tipo de condutas como a do alcalde de Ourense e que teñan consecuencias”. A deputada autonómica tamén sinalou que o PP “ten que dar un paso ao fronte e Feijóo que anda de xira e argumentando que ten que gobernar a lista máis votada, non pode esquecer o que acontece en Ourense, onde apoia a terceira forza política ao fronte do consistorio”. Neste senso tamén cualificou a situación de “intolerable” e lembrou que “isto non é un patio de colexio e ten que haber consecuencias para que o acontecido en Ourense, non sirva de precedente para outros representantes”.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, fixo fincapé en que a agresión de Pérez Jácome “vulnera os dereitos constitucionais como a liberdade sindical” e apuntou a que “atentou contra Lola, pero atenta tamén contra todos os traballadores e traballadoras, non só cando golpea a Panero, senón cando fai unha declaración nun vídeo no que volve agredir verbalmente á compañeira e a todo o sindicalismo”. Neste senso, a parlamentaria socialista sinalou que Jácome “fala dunha liberada sindical en ton pexorativo” e lémbralle ao alcalde que “esta muller representa a un sindicato e polo tanto ten que respectala”.

Rodríguez Dacosta puxo o foco en que este tipo de comportamentos violentos “superan todos os límites e vulneran dereitos fundamentais e constitucionais, polo que hai que poñerlles un límite” e finalizou afirmando que “non podemos consentir que Jácome siga ao fronte do goberno municipal, polo que lle pedimos ao PP e a Feijóo e a Rueda, que deixen de sustentalo, senón dimite hoxe mesmo, como tiña que ter xa feito”.