Concello de ourense

O Psoe insta o concello a adquerir o 5% restante da casa Goretti

Os socialistas avogan porque este singular edificio “abandonado e desleixado” polos últimos gobernos, sexa destinado para fins sociais, de promoción da igualdade e de loita contra a violencia de xénero.

Os socialistas destacan que o único que faltaría é o “consenso político e a vontade” para conseguir converter este inmoble en “ruínas e desleixado” nun “novo equipamento útil para a nosa cidade”.

Natalia González Beneitez, destaca que o inmoble “leva anos abandonado e sen ningún tipo de expectativa de rehabilitación por parte de DO e o PP” .

Óscar Gómez

Ourense | 01.12.2021 12:04

O Psoe insta o concello a adquerir o 5% restante da casa Goretti
O Psoe insta o concello a adquerir o 5% restante da casa Goretti | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense presenta unha moción, para o seu debate na sesión plenaria deste venres, na que insta ao goberno municipal a que adopte de maneira urxente todas as medidas necesarias para acadar que o antigo edificio do Colexio María Goretti pase a ser titularidade municipal ao 100%. Os socialistas tamén instan ao executivo local a que se comprometa a redactar un proxecto de rehabilitación da Casa Goretti, no marco do futuro Plan Especial do Casco Histórico de Ourense, co fin de que sexa destinado o seu uso para fins sociais, de promoción da igualdade e de loita contra a violencia de xénero por parte do Concello de Ourense.

Dende o Grupo Municipal Socialista defenden, unha vez máis, que dado que o Concello de Ourense posúe o 95,17 % da Casa Goretti, o “conveniente sería adoptar as medidas necesarias para acadar o 4,83% restante e adquirir definitivamente un inmoble singular para a súa rehabilitación, nunha aposta clara por revitalizar a zona sur do casco histórico da cidade”. Os socialistas destacan que o único que faltaría é o “consenso político e a vontade” para conseguir converter este inmoble en ruínas nun “novo equipamento útil para a nosa cidade”.

o PSOE propón que se proceda a rehabilitación da Casa Goretti para fins socias

A concelleira e vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, destaca que o inmoble “leva anos abandonado e sen ningún tipo de expectativa de rehabilitación por parte de DO e o PP” e fai fincapé en que 11 anos despois da súa compra “nada máis se fixo, quedando totalmente abandonado, desleixado e sen ningún proxecto de futuro”. A edil socialista apunta tamén a que o PSOE “quere poñer en riba da mesa este tema” e lembra que o propio Jácome “fartouse a vender a bombo e platillo que se gobernaba, en sete días tería resolto a compra da parte restante, pero nin o fixo nin o fará”. Os socialistas indican que fai ano e medio, o propio alcalde anunciaba que procedería a expropiación da parte restante do inmoble, “pero seguimos sen novas e a expropiación tense que facer si ou si”.

González Beneitez aposta porque unha vez adquirida a Casa Goretti, esta se destine a servizos sociais, promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, “ante a necesidade crecente de instalacións e persoal para o reforzo e potenciación destes servizos e no marco tamén da recuperación e activación do casco histórico”. A concelleira socialista aposta por “darlle saída a un inmoble en beneficio dos colectivos da cidade e dos funcionarios, que se atopan chacinados, especialmente no ámbito do benestar social”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense apuntan a que a “inacción” política dos últimos anos provocou que este inmoble sexa noticia nos últimos tempos, “non pola súa axilidade na adquisición definitiva, nin polos seus usos futuros, senón pola invasión de maleza no seu interior e o seu abandono en pleno corazón da cidade”.